Os crocodilianos (do tomo) ou crocodilios son os réptiles da orde Crocodilia (ou Crocodylia), da que existen 24 especies vivas e numerosas fósiles. Son réptiles maioritariamente grandes, predadores e semiacuáticos. Pertencen a esta orde os crocodilos (familia Crocodylidae), os aligátores e caimáns (ambos da familia Alligatoridae) e os gaviais (familia Gavialidae). Aínda que ás veces a palabra crocodilo se usa vulgarmente para referirse a todos os membros da orde, propiamente falando só son verdadeiros crocodilos os da familia dos crocodílidos. Apareceron hai 83,5 millóns de anos no Cretáceo tardío (no piso do Campaniano) e son os parentes vivos máis próximos das aves, xa que ambos os grupos son os únicos superviventes do gran grupo dos Archosauria. O clado Pseudosuchia, que é membro do grupo total da orde, apareceu hai uns 250 millóns de anos no Triásico temperán, e diversificouse durante o Mesozoico.
Os crocodilianos son réptiles con forma de lagartos grandes e de corpo robusto, que teñen longos morros aplanados, colas comprimidas lateralmente, e ollos, oídos e orificios nasais na parte superior da cabeza. Son bos nadadores e poden moverse por terra camiñando con "paso alto" (levantando o corpo do chan) ou con "paso baixo" (preto do chan), e as especies menores mesmo poden galopar. A súa pel é grosa e cuberta de escamas non solapadas. Teñen dentes cónicos como paus e unha trabada moi poderosa. O seu corazón ten catro cámaras e, de modo parecido ás aves, teñen un sistema de circulación do aire en bucle unidireccional nos pulmóns, pero igual que outros réptiles non avianos son ectotermos.
Os crocodilianos encóntranse principalmente en terras baixas dos trópicos, pero os aligátores tamén viven no sueste dos Estados Unidos e no río Yangtzé da China. Son fundamentalmente carnívoros, e as diversas especies aliméntanse de animais como peixes, crustáceos, moluscos, aves e mamíferos; algunhas especies como o gavial teñen unha alimentación especializada, mentres que outros como o crocodilo de auga salgada (Crocodylus porosus) teñen dietas xeneralizadas. Os crocodilianos son tipicamente solitarios e territoriais, aínda que poden realizar unha alimentación cooperativa. Durante a época reprodutora, os machos dominantes procuran monopolizar as femias dispoñibles. As femias poñen ovos en niños con forma de burato ou de morea e, a diferenza da maioría dos demais réptiles, coidan as súas crías acabadas de eclosionar.
Hai oito especies de crocodilos que atacan os humanos. O maior número de ataques son os protagonizados polo crocodilo do Nilo. Os humanos son a maior ameaza para as poboacións de crocodilianos debido á caza ou á destrución do hábitat que realizan, pero a cría de crocodilianos en granxas reduciu moito o comercio ilegal de peles de crocodilianos salvaxes. As representacións artísticas e literarias de crocodilianos son frecuentes nas culturas humanas de diversas partes do mundo desde polo menos o antigo Exipto. A primeira mención coñecida da historia de que os crocodilos choran polas súas vítimas, data do século IX, e despois aparece en obras de autores como William Shakespeare de finais do XVI e principios do XVII.
Ortografía e etimoloxía
Durante décadas viñéronse utilizando indiferentemente as ortografías Crocodilia e Crocodylia, empezando pola redescrición do grupo que fixo Schmidt a partir do termo anterior defunto Loricata. Schmidt usou o termo máis vello Crocodilia, baseándose no nome orixinal que lle fora dado por Richard Owen. Pouco despois, Wermuth optou por usar Crocodylia como nome máis axeitado para este grupo redescrito, baseándose no nome do xénero tipo Crocodylus (Laurenti, 1768). Dundee, nunha revisión de moitos nomes de réptiles e anfibios, argumentou fortemente en favor de Crocodylia como mellor ortografía para o grupo. Con todo, ata a chegada da cladística e da nomenclatura filoxenética non se deron xustificacións máis sólidas para optar por unha ortografía ou a outra.
Antes de 2003, Crocodilia/Crocodylia era un grupo que comprendía tanto os animais modernos de hoxe en día (o grupo coroa) coma os seus parentes máis distantes, pero que agora están situados en grupos máis grandes chamados Crocodylomorpha e Pseudosuchia. Coa actual definición Crocodylia está restrinxido só aos antepasados máis recentes dos crocodilianos actuais (aligátores, crocodilos e gaviais), quedando excluídos os máis distantes. Esta distinción é máis importante para os paleontólogos que estudan a evolución dos crocodilos. Por tanto, as ortografías alternativas Crocodilia e Crocodylia son aínda intercambiables na literatura neontolóxica (que estuda só os organismos existentes, non os extinguidos).
Crocodilia parece ser unha latinización da palabra grega κροκόδειλος (crocodeilos), que significa lagarto e crocodilo do Nilo. Crocodylia, tal como a acuñou Wermuth, en relación co xénero Crocodylus, parece que deriva do antigo grego κρόκη (kroke), que significa praia de grava ou croio, e de δρîλος ou δρεîλος (dr(e)ilos) que significa 'verme'. O nome pode referirse ao hábito do animal de tomar o sol nas ribeiras de grava do Nilo (segundo unha interpretación).Kelly, 2006. p. xiii.
Morfoloxía e fisioloxía miniatura|Esqueleto montado e taxidermia dun crocodilo do Nilo. miniatura|Os crocodilianos, como este caimán de anteollos, poden ocultarse na auga asomando na superficie da auga só os seus orificios nasais, ollos e oídos.
O tamaño dos crocodilianos oscila entre o das especies pequenas de Paleosuchus e Osteolaemus, que chegan de 1 a 1,5 m, á do crocodilo de auga salgada, que alcanza os 7 m e pesa ata 2 000 kg, aínda que algunha especie prehistórica, como o Deinosuchus do Cretáceo tardío, eran aínda máis grandes e alcanzaban os 11 m e 3 450 kg. Adoitan ter dimorfismo sexual, no que os machos son moito máis grandes que as femias.Grigg and Gans, pp. 326–327. Aínda que presentan certa diversidade na forma do morro e dentes, todas as especies de crocodilianos teñen esencialmente a mesma morfoloxía corporal. Teñen un corpo robusto con forma de lagarto, con morros alongados e aplanados e colas comprimidas lateralmente. As patas son de reducido tamaño; os pés anteriores teñen cinco dedos con pouca ou ningunha membrana interdixital, e os pés traseiros teñen catro dedas palmadas e unha rudimentaria quinta deda.Kelly, pp. 70–75. O esqueleto é bastante típico dos tetrápodos, aínda que o cranio, pelve e costelas están especializadas; en concreto, os procesos cartilaxinosos das costelas permiten que o tórax se colapse cando se mergullan e a estrutura da pelve pode acomodar grandes masas de comida, ou máis aire nos pulmóns. Ambos os sexos teñen cloaca, unha soa cámara cunha única saída na base da cola na cal se abren os orificios intestinal, urinario e o tracto reprodutor. Alberga o pene dos machos e o clítoris das femias.Grigg and Gans, p. 336. O pene dos crocodilianos está permanentemente erecto e depende de músculos cloacais para a súa eversión, e de ligamentos elásticos e un tendón para recollerse. Os testículos ou ovarios están localizados preto dos riles.Huchzermeyer, p. 19.
Os ollos, oídos e orificios nasais dos crocodilianos están na parte superior da cabeza. Isto permítelles axexar as súas presas coa maioría do seu corpo mergullado baixo a auga. Os crocodilianos posúen nos ollos un tapetum lucidum que mellora a visión con pouca luz. A súa vista é bastante boa no aire, pero é significativamente peor baixo a auga. A fóvea doutros vertebrados é xeralmente circular, mais nos crocodilos é unha barra horizontal formada por moitos receptores apertadamente xuntos que cruza a parte media da retina. Cando o animal se mergulla completamente, unha membrana nictitante cobre os ollos. Ademais, unhas glándulas da membrana nictitante segregan un lubricante salgado que mantén o ollo limpo. Cando un crocodiliano abandona a auga e seca, esta substancia é visible e semella "bágoas".
Os oídos están adaptados para oír tanto no aire coma na auga, e as membranas do tímpano están protexidas por solapas que poden abrirse ou pecharse por acción muscular.Grigg and Gans, p. 335. Os crocodilianos teñen un amplo rango de audición, cunha sensibilidade comparable á da maioría das aves e mamíferos. Só teñen unha cámara olfactiva e o órgano vomeronasal está ausente nos adultos, o que indica que toda a recepción olfactiva está limitada ao sistema olfactivo. Experimentos de comportamento e con olfactómetro indican que os crocodilos detectan tanto as substancias químicas que viaxan polo aire coma as solubles en auga e utilizan o seu sistema olfactivo para cazar. Cando están sobre a auga, os crocodilos intensifican a súa capacidade de detectar substancias olorosas volátiles por medio dun bombeo gular, que é un movemento rítmico do piso da farinxe. O seu ben desenvolvido nervio trixémino permítelles detectar vibracións na auga (como as que fan as posibles presas). A lingua non pode moverse libremente, senón que se mantén bastante fixada por unha membrana pregada. Aínda que o cerebro dun crocodilo é bastante pequeno, ten unha maior capacidade de aprendizaxe que o da maioría dos réptiles. Aínda que carecen de cordas vocais como as dos mamíferos e de sirinxe como a das aves,Huchzermeyer, p. 13. os crocodilianos poden producir vocalizacións facendo vibrar tres solapas que teñen na larinxe.
Locomoción miniatura|250px|Crocodilo do Nilo nadando. A secuencia vai de dereita a esquerda.
Os crocodilianos son excelentes nadadores. Durante a locomoción acuática, a súa cola muscular ondula dun lado a outro para impulsar o animal pola auga, mentres que as patas se manteñen pegadas ao corpo para reducir a resistencia. Cando o animal ten que parar, virar ou manobrar en diferente dirección, estende as patas convenientemente. Os crocodilianos cruzan xeralmente de vagariño a superficie ou baixo a auga con elegantes movementos sinuosos da cola, pero cando son perseguidos ou cando son eles os que perseguen unha presa poden moverse rapidamente.Mazzotti, pp. 43–46. Os crocodilianos están menos adaptados para moverse por terra, e son peculiares entre os vertebrados porque teñen dous modos diferentes de locomoción terrestre, os chamados "paso alto" e o "paso baixo". As súas articulacións dos nocellos flexiónanse de dúas formas diferentes a diferenza dos outros réptiles, unha característica que comparten con algúns dos primeiros arcosauros. Un dos ósos superiores do nocello, o astrágalo, móvese coa tibia e fíbula. O outro, o calcáneo, funcionalmente é parte do pé, e ten unha cavidade na cal se axusta unha proxección do astrágalo. O resultado é que as patas pode ser estendidas case verticalmente baixo o corpo cando están en terra, e os pés poden xirar durante a locomoción con movementos de torsión no nocello.Sues, p. 21.
miniatura|esquerda|Os crocodilianos, como este aligátor do Mississippi, poden camiñar con "paso alto" coas patas estendidas case verticalmente, a diferenza doutros réptiles. O "paso alto" dos crocodilianos, no que levantan o ventre e a maioría da cola manténdoos separados do chan, é algo único entre os réptiles vivos. Lembra en certa medida o modo de camiñar dos mamíferos, e ten a mesma secuencia de movementos da patas: anterior esquerda, posterior dereita, anterior dereita, posterior esquerda. O "paso baixo" é similar ao alto, pero sen elevar o corpo do chan, pero é bastante diferente do camiñar reptante dos lagartos e píntegas. O animal pode cambiar dun modo de camiñar ao outro instantaneamente, pero o "paso alto" é a forma usual de locomoción en terra. O animal pode elevar o corpo e utilizar esta forma de camiñar inmediatamente, ou pode dar un ou dous pasos con "paso baixo" antes de elevar o corpo. A diferenza da maioría dos outros vertebrados terrestres, cando os crocodilianos incrementan o seu paso aumentan a velocidade á cal a metade inferior de cada pata (en vez de toda a pata) se move cara adiante; deste xeito, aumenta a lonxitude da alancada mentres que a duración do paso diminúe.