Marun Laham (en , "Mārūn Laḥḥām"), nado o 20 de xullo de 1948 en Irbid (Xordania), é un eclesiástico católico latino árabe, arcebispo de Tunes entre 2005 e 2012, e vigairo patriarcal en Xordania entre 2012 e 2017. Traxectoria Naceu en Irbid, o 20 de xullo de 1948. Entre 1961 e 1972 estudou Filosofía e Teoloxía no seminario patriarcal de Bait Xala. O 24 de xuño de 1972 foi ordenado sacerdote do patriarcado latino de Xerusalén polo patriarca Giacomo Giuseppe Beltritti.
Entre 1972 e 1975 foi vigairo parroquial de Cristo Rei en Amán, e entre 1975 e 1976 vigairo parroquial en Al-Fuhais. Marchou como misioneiro fidei donum a Dubai, onde atendeu ás diferentes comunidades cristiás. Volveu en 1979 a Amán como vigairo, e entre 1981 e 1988 foi párroco en Madaba.
Entre 1988 e 1992 doutorouse en Teoloxía pastoral pola Pontificia Universidade Lateranense, cunha tese sobre a catequese de adultos no territorio patriarcal, e á súa volta a Xerusalén foi encargado de dirixir as escolas patriarcais até 1994, e posteriormente foi reitor do seminario de Bait Xala.
O 8 de setembro de 2005 foi nomeado bispo de Tunes polo papa Bieito XVI. Recibiu a consagración episcopal de mans do patriarca de Xerusalén Mixail Saba o 2 de outubro do mesmo ano, e tivo como co-consagradores principais ao coadxutor de Xerusalén Fuad Tual e ao nuncio Pietro Sambi. Cando a sé foi elevada a arquidiocese o 22 de maio de 2010, pasou a ser o seu arcebispo.
O 19 de xaneiro de 2012 Bieito XVI nomeouno vigairo patriarcal de Xordania, arcebispo auxiliar de Xerusalén e arcebispo titular de Medaba. Permaneceu no cargo até a súa renuncia o 4 de febreiro de 2017.
Categoría:Nados en 1948 Categoría:Nados en Xordania Categoría:Arcebispos da Igrexa católica latina Categoría:Bispos católicos de Tunisia Categoría:Bispos católicos de Xordania