José Miguélez Pampín, nado en Barazón (Santiso) o 15 de xaneiro de 1891 e finado en Madrid o 10 de xullo de 1944, foi un compositor, organista, musicólogo, teólogo e lingüista galego. Exerceu notable influencia no modelo español de órgano ligado ao cecilianismo durante o primeiro terzo do século XX e contribuíu igualmente ao desenvolvemento desta estética na Pontevedra do período circundante á Guerra Civil.

Traxectoria Foi fillo do mestre de escola Miguel Miguélez Cagide, quen exercía tamén ocasionalmente como director dunha pequena agrupación bandística. Do seu pai aprende solfexo a unha idade temperá, así como os primeiros rudimentos dos instrumentos de vento metal como intérprete de fliscorno tenor. Aos 15 anos ingresou como postulante na Orde da Mercé no convento de Sarria, onde realiza a profesión de votos temporais no ano 1908. Ao ano seguinte trasladouse ao Convento de San Xoán de Poio, en cuxo seminario maior cursou os estudos de Filosofía e Teoloxía, e ampliou os seus estudos musicais da man do pianista e profesor Agustín Salvador, da veciña localidade de Pontevedra. En 1912 realizou a profesión de votos solemnes e ordenouse presbítero en 1914.

A súa capacidade de aprendizaxe e entusiasmo lévano a exercer destacablemente como mestre de coro na congregación de Poio a partir do ano 1909. Neste contexto descubriu os autores ligados ao movemento ceciliano en auxe naquel momento e chegou a realizar algunhas das primeiras interpretacións públicas en España de obras de Lorenzo Perosi, Oreste Ravanello ou Luigi Bottazzo.

En 1919, grazas ás súas aptitudes musicais –especialmente como organista–, trasladouse á Residencia de la Buena Dicha de Madrid onde o padre Pío Uribe, superior da congregación, o animou a ampliar os seus estudos musicais cun profesor de renome. O padre Miguélez contacta con Manuel de Falla, pero este debido aos seus compromisos négase a aceptalo como alumno e derivouno a Joaquín Turina. Con Turina estuda harmonía, contrapunto, fuga e orquestración e pronto comezou a publicar diversas pezas corais de temática relixiosa a través da revista La Merced e as casas editoriais Fuentes y Asenjo e Unión Musical Española.

Os anos en Madrid foron os máis frutíferos da súa carreira debido ao gran número de contactos profesionais que a gran cidade lle permitiu establecer. Cara a 1921 coñeceu o organeiro alemán Albert Merklin (sobriño do construtor Joseph Merklin), que emigrara desde Alemaña fuxindo da guerra e que, tras traballar durante cinco anos nos talleres vascos da fábrica de órganos de Eleizgaray y Compañía, se trasladara a Madrid coa expectativa de establecerse pola súa conta. Miguélez, ávido de saber, pronto fai amizade con Merklin e comeza a interesarse polos aspectos técnicos e construtivos do órgano. Este interese derivou anos máis tarde na publicación de diversos artigos divulgativos de organería, destinados eminentemente a intérpretes, nas revistas España Sacro Musical e Tesoro Sacro Musical.

En novembro de 1931, tras verse implicado tanxencialmente nunha manobra en contra do réxime republicano, fiu deportado por un ano á localidade de Villarroya de los Pinares (provincia de Teruel) e ao seu regreso, co fin de afastalo do clima político da capital, é trasladado de novo ao Convento de San Xoán de Poio. Xa nos seus anos de madurez, estableceu contacto con algúns dos personaxes máis relevantes da Pontevedra do período circundante á guerra civil española, como Antonio Blanco Porto, Antón Iglesias Vilarelle ou Luis María Fernández Espinosa.

Ademais de exercer como profesor de Sagradas Escrituras e Linguas clásicas no seminario maior de Poio e como director da Schola Cantorum deste convento mercedario, atopa o seu espazo no ambiente cultural pontevedrés non só como eminente director de canto gregoriano, polifonía clásica e dos autores cecilianistas, senón tamén como autor de música profana destinada á Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra.

No seu afán por renovar o ambiente musical no convento, en 1941 inicia a través do seu amigo Rafael Puignau as xestións para a adquisición dun novo órgano para Poio que substituíse o pequeno instrumento da casa Walcker Orgelbau de 1921. Nunha viaxe a Madrid para discutir os detalles do novo instrumento na sede comercial da recentemente fundada Organería Española, S.A. falece inesperadamente por causas descoñecidas.

Obras Vocais Sacras Fabordóns Aestimatus sum Amicus meus Angellus Domini Animam meam Astiterunt reges Caligaverunt Cum transisset Dirupiste Domine Dum jaceret Petrus Ecce quomodo Ecce vidimus eum Eram quasi In monte Oliveti Jerusalem Jesum tradidit Judas Mercator O vos omnes Omnes amici mei Plange quasi virgo Recessit pastor Seniores populi Sepulto Domino Sicut ovis Tanquam ad latronen Tenebrae factae Tradiderunt me Tristis est Una hora Unus ex discipulis Velum templi scisum Vinea mea electa

Misas Misa en honor a la Virgen de la Merced, para dúas voces e órgano Misa Cantemus Domino, para tres voces e órgano Misa Jubilemus Deo, para dúas voces brancas Misa de Requiem, para catro voces e órgano (incompleta)

Himnos Himno del obrero católico Apóstoles de Cristo Himno al Buen Pastor Himno a San Enrique Emperador

Profanas Barcarola mercedaria Vexo Vigo, vexo Cangas Fuliada O meu pandeiriño Do queixo non che me queixo

Instrumentais Música de cámara Letanía, para cuarteto de corda

Orquestral Aires d'a terra, para orquestra de corda (incompleta) Sinfonía gallega (perdida) Instrumentación de la misa Hoc es enim corpus meum de Lorenzo Perosi (incompleta)

Notas e referencias Notas

Referencias

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en Santiso Categoría:Nados en 1891 Categoría:Finados en 1944 Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Musicólogos de Galicia Categoría:Teólogos de Galicia Categoría:Organistas Categoría:Mercedarios de España Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes