As chinches das camas ou simplemente chinches, chinchas ou percebellas son insectos parasitos da familia dos cimícidos (Cimicidae), que se alimentan exclusivamente de sangue. Cimex lectularius é a chinche das camas común e a especie máis coñecida que prefire alimentarse de sangue humano. Outras especies de Cimex especializáronse en alimentarse doutros animais, por exemplo, as chinches dos morcegos, como Cimex pipistrelli (de Europa), Cimex pilosellus (de Norteamérica) e Cimex adjunctus (de Norteamérica), ou as chinches das aves. A especie tropical Cimex hemipterus parasita tamén a humanos e aves.As chinches dos morcegos son indistinguibles visualmente das chinches das camas e poden ocasionalmente alimentarse de hóspedes humanos.
O hábitat preferido de Cimex lectularius son as casas quentes e especialmente os dormitorios, zonas preto das camas ou dentro delas. Son activos principalmente pola noite, pero non son exclusivamente nocturnos. Xeralmente aliméntanse dos seus hóspedes sen que estes o noten.
A picadura das chinches pode producir diversos efectos adversos como erupcións na pel, efectos psicolóxicos e síntomas alérxicos. Porén, non transmiten patóxenos, xa que non funcionan como vectores epidemiolóxicos. Certos signos e síntomas indican que unha picadura podería deberse a chinches, o que se confirma ao atopar insectos adultos na casa.
As chinches das camas levan sendo parasitos do ser humano desde hai miles de anos. A inicios da década de 1940 estaban case erradicados no mundo desenvolvido, pero foron incrementando a súa prevalencia desde 1995, probablemente debido á resistencia aos pesticidas que adquiriron, á prohibición legal do uso dalgúns pesticidas efectivos e ás viaxes internacionais. Como a infestación dos hábitats humanos empezou a aumentar, tamén o fixeron os casos de picaduras de chinches e as condicións de saúde asociadas.
Infestación miniatura|Picaduras de chinches
A diagnose dunha infestación require atopar os insectos e detectar a aparición de síntomas compatibles. O tratamento implica a eliminación destes insectos (incluíndo os seus ovos) e tomar medidas para tratar os síntomas ata que desaparezan.
As picaduras de chinches das camas denomínanse cimicose e poden orixinar diversas manifestacións na pel desde efectos non visibles a ampolas prominentes. Os efectos inclúen erupcións cutáneas, efectos psicolóxicos e síntomas alérxicos.
Aínda que estas chinches poden estar infectadas con polo menos 28 patóxenos humanos, ningún estudo atopou que estes insectos sexan capaces de transmitilos aos humanos. Neles atopáronse, por exemplo, Staplhylococcus aureus resistente á meticilina (SARM) e Enterococcus faecium resistente á vancomicina (ERV), pero o significado que poida ter isto descoñécese. As investigacións feitas sobre o seu potencial para transmitir o HIV, SARM, hepatite B, hepatite C e hepatite E non atoparon que as chinches puidesen transmitir as doenzas asociadas con eses patóxenos. Porén, sinalouse a posibilidade de que puidesen transmitir arbovirus nalgúns casos.
Descrición
Física
Os C. lectularius adultos son de cor marrón clara a marrón avermellada, de corpo aplanado, oval, e non teñen ás posteriores. As ás anteriores son vestixiais e están reducidas a estruturas similares a almofadiñas. Teñen abdomes segmentados con pelos microscópicos que lles dan unha aparencia bandeada. Os adultos crecen ata os 4 ou 5 mm de longo e os 1,5 a 3 mm de largo.
As ninfas acabadas de emerxer son translúcidas, de cores máis claras e fanse máis marróns a medida que mudan e chegan á madurez. Unha ninfa de calquera idade que acaba de comer sangue ten un abdome vermello brillante translúcido, que vai cambiando a marrón nas seguintes horas e a negro opaco nuns dous días, conforme o insecto vai dixerindo a súa comida. Estes insectos poden confundirse con outras especies, como os psocópteros, pequenas cascudas, ou escaravellos derméstidos; pero cando están quentes e activos, os seus movementos son máis similares aos das formigas, e como a maioría dos demais hemípteros, emiten un cheiro característico desagradable cando son esmagados.
Utilizan feromonas e cairomonas para comunicar os seus lugares de nidificación, alimentación e reprodución.
Poden sobrevivir a un amplo rango de temperaturas e composicións atmosféricas. Por debaixo dos 16,1 °C, os adultos entran en estado de semihibernación e poden sobrevivir máis tempo ao frío; poden sobrevivir polo menos cinco días a -10 °C, pero morren aos 15 minutos se están expostos a temperaturas de -32 °C. Os conxeladores comerciais e domésticos comúns chegan a temperaturas baixas dabondo como para matar a maior parte dos estadios vitais das chinches das camas, e hai un 95% de mortalidade en 3 días a -12 °C. Presentan unha elevada tolerancia ao desecamento, e sobreviven a condicións de baixa humidade e 35 a 40 °C incluso se perden un terzo do seu peso corporal por deshidratación; os estadios vitais iniciais son máis susceptibles ao desecamento que os posteriores.
O punto de morte térmica para C. lectularius é 45 °C; todos os estadios vitais morren aos 7 minutos de estaren expostos a 46 °C. As chinches das camas aparentemente non poden sobrevivir a altas concentracións de dióxido de carbono durante moito tempo; porén, a exposición a atmosferas de nitróxeno case puro parece que ten relativamente pouco efecto incluso en períodos de 72 horas. (resumido dun cartel de presentación en Praga, 19–22 Jul)
Hábitos de alimentación
miniatura|Micrografía electrónica de varrido coloreada dixitalmente coas pezas bucais que perforan a pel salientadas en púrpura e vermello
As chinches das camas son hematófagos obrigados, xa que só se alimentan de sangue. A maioría das especies de cimícidos aliméntanse de sangue humano só cando non dispoñen doutros hóspedes, pero C. lectularius está especializado en alimentarse de sangue humano. Obteñen toda a humidade adicional que necesitan do vapor de auga do aire que os rodea. Son atraídos polos seus hóspedes principalmente polo dióxido de carbono que expiran, e secundariamente pola súa calor e por certas substancias químicas. Prefiren as zonas da pel expostas como a cara, pescozo e brazos da persoa que dorme.
Teñen pezas bucais que serran a pel e inxectan saliva con anticoagulantes e analxésicos. A sensibilidade dos humanos ás súas picaduras varía desde reaccións alérxicas extremas a ningunha reacción en absoluto (nun 20% dos casos). A picadura adoita producir un inchamento na pel sen punto vermello, pero cando moitas chinches se alimentan nunha pequena área da pel, poden aparecer puntos vermellos despois de que o inchamento baixa.
Aínda que en certas condicións frías os adultos poden vivir ata un ano sen alimentarse, nas condicións cálidas típicas intentan alimentarse en intervalos de 5 a 10 días, e os adultos poden vivir uns 5 meses sen comer. Os ínstares máis novos non poden sobrevivir tanto, pero mesmo os vulnerables primeiros ínstares despois da eclosión poden sobrevivir semanas sen tomar sangue.
Segundo informes de 2009, as novas xeracións de chinches das camas resistentes a pesticidas poden sobrevivir só dous meses sen comer. citing
Pode recuperarse ADN humano dos aparatos dixestivos das chinches ata 90 días despois de que comeran o sangue, o cal significa que podería ser usado con propósitos forenses para identificar de que persoa se alimentou unha chinche.
Fisioloxía da alimentación
miniatura|Punta do rostro
Unha chinche ou percebella perfora a pel do seu hóspede cun feixe de estiletes, denominado rostro (rostrum) ou "bico". O rostro está composto polas maxilas e mandíbulas, que foron evolutivamente modificadas adoptando formas alongadas a partir do tipo ancestral básico. Os estiletes maxilares dereito e esquerdo están conectados na súa liña media e unha sección da liña central forma unha gran canle alimenticia e unha canle salivar máis pequena. Na pel penetra o feixe mandibular-maxilar completo.
As puntas dos estiletes maxilares esquerdo e dereito non son iguais; o dereito é ganchudo e curvado e o esquerdo é recto. Os estiletes mandibulares dereito e esquerdo esténdense ao longo dos lados exteriores dos seus respectivos estiletes maxilares e non chegan á punta dos estiletes maxilares fusionados. Os estiletes son mantidos nunha amosega do labio, e cando o animal se vai alimentar, saen da amosega a medida que o labio unido se dobra; a súa punta nunca entra na ferida.
Os estiletes mandibulares teñen pequenos dentes, e ao mover os estiletes alternativamente adiante e atrás, o insecto corta o tecido cutáneo para que o feixe maxilar poida entrar e chegar a un vaso sanguíneo do tamaño axeitado. A propia presión do sangue no vaso sanguíneo enche o insecto de sangue en poucos minutos. A chinche despois retira o feixe do estilete da posición de alimentación e retráeo á amosega labial, dobrando a unidade completa cara a atrás baixo a cabeza, e seguidamente o insecto regresa ao lugar onde se agocha. Cando se alimentan tardan de cinco a dez minutos en quedar cheos de sangue. En conxunto, o insecto pode pasar menos de 20 minutos en contacto físico co seu hóspede, e non intentará alimentarse outra vez ata que complete unha muda ou, se é adulto, ata que dixira completamente a comida.
Reprodución
miniatura|Macho de chinche das camas inseminando traumaticamente unha femia
As chinches das camas, ao contrario que outros insectos, toleran o incesto e son capaces de soportar xeneticamente bastante ben os efectos da endogamia. Os machos ás veces intentan aparearse con outros machos e perforan o seu abdome."This Bedbug's Life", The New York Times, 7 de agosto de 2010. Este comportamento ocorre porque a atracción sexual nas chinches das camas está baseada principalmente no tamaño, e os machos montan calquera individuo que comer recentemente independentemente do seu sexo.
Todas as chinches aparéanse por inseminación traumática.Carayon, J. 1959 Insémination par "spermalège" et cordon conducteur de spermatozoids chez Stricticimex brevispinosus Usinger (Heteroptera, Cimicidae). Rev. Zool. Bot. Afr. 60, 81–104. As femias posúen un tracto reprodutor que funciona durante a oviposición, pero o macho non usa este tracto para a inseminación de esperma. En vez diso, o macho perfora o abdome da femia co seu pene hipodérmico e exacula dentro da cavidade corporal. En C. lectularius e todas as especies de chinches das camas excepto Primicimex cavernis, o esperma é inxectado no chamado mesospermalege, un compoñente do spermalege ou órgano de Berlese, unha estrutura xenital secundaria que reduce as feridas e os custos inmunolóxicos de inseminación traumática. O esperma inxectado viaxa pola hemolinfa do insecto ás estruturas de almacenamento da esperma femininas chamadas conceptáculos seminais, e finalmente ten lugar a fecundación nos ovarios.
A "feromona de alarma da chinche das camas" consta das substancias (E)-2-octenal e (E)-2-hexenal. Libérase cando a chinche é molestada, como durante un ataque dun predador. Un estudo de 2009 demostrou que o macho tamén libera feromona de alarma para repeler outros machos que intentan aparearse con el.Ryne, C. In press. "Homosexual interactions in bed bugs: Alarm pheromones as male recognition signals." Animal Behaviour.
Cimex lectularius e C. hemipterus poden aparearse entre eles se teñen a oportunidade, pero os ovos que producen son xeralmente estériles. Nun estudo de 1988, só un dos 479 ovos que puxeron era fértil e deu lugar a un individuo híbrido, Cimex hemipterus × lectularius.
Protección do esperma