As rulas de Bakunin é unha novela de Antón Riveiro Coello galardoada co Premio García Barros e publicada en 2000 pola Editorial Galaxia.
Está traducida ao portuguésFicha en BiTraGa., ao castelánFicha en BiTraGa. e ao italianoFicha en BiTraGa..
Trama A novela comeza cunha carta que lle escribe o vello octoxenario Camilo en 1992 á súa muller Rosalía (á que lle chama rula), morta hai cinco anos na aldea de Celas, concello de Culleredo, preto da Coruña. Estas cartas iranse repetindo ao longo da obra.
A partir de aí irá lembrando a súa vida e a do seu avó Estevo, nacido nun barco camiño da Arxentina en 1851, quen -anarquista e moi admirado por todos- sempre foi o exemplo a seguir para Camilo.
Durante os seus estudos en Vilaboa, na casa da tía Lola, Camilo conecta coas revoltas anteriores á Segunda República e participa en loitas armadas anarquistas. Casa con Rosalía e no 36 ten que fuxir ao monte e vivir unha tempada agochado na propia casa. Canso desta situación entrégase e é condenado a morte. O director da cadea promete perdoarlle a vida se en 15 días aprende de memoria o libro que sempre trae canda el. Todos os presos lle axudan e Camilo consegue a fazaña.
Na actualidade, 1992, Camilo topa no Ateneo a ficha do libro, que foi vendido a alguén de Santiago e vai na súa busca mentres a filla, o xenro e o neto van a Barcelona operar este último, cego. Asemade, segue lembrando o seu pasado e a través do posuidor do libro coñece feitos sucedidos logo de saír el da cadea e emigrar.
Xa na última páxina o narrador conta que os parágrafos da novela citados son de La muerte de Álvaro Vargas que Estevo Doldán Patiño publicou por entregas en 1898-99 na revista anarquista arxentina La antorcha gaucha, co seu pseudónimo de Anselmo Sendón.
Narración A estrutura externa consta de 41 capítulos de moi desigual extensión nos que se van alternando diferentes voces narrativas e planos temporais que non seguen a linearidade.
A voz narrativa predominante é a dun narrador heterodiexético en 3ª persoa, mais en varios capítulos é o propio Camilo, narrador homodiexético en 1ª persoa, quen nos conta algúns episodios do seu pasado e outros chegaranos a través das cartas que lle escribe a Rosalía morta, así como tamén algunhas outras cartas de Santi Noreste e unha de Augusto Cordero.
O tempo máis recente é 1992, cando Camilo vive na Coruña coa súa filla, escríbelle cartas a Rosalía morta e vai a Santiago en busca do libro.
Os tempos anteriores máis importantes son a súa infancia, ligada ao avó anarquista; os seus estudos, ligados á súa propia descuberta anarquista e ao amor; o cárcere e a represión posterior ao 36 e a emigración ao Uruguai.
Personaxes Camilo Sabio Doldán, personaxe principal, anarquista, neto de anarquistas, condenado a morte no 36 e que emigrará ao Uruguai. Namora de Rosalía, costureira, na adolescencia e con ela pasará toda a súa vida ata que ela morre en 1987. Estevo Doldán Patiño é o seu admirado avó, que publicou na Arxentina, con pseudónimo, a novela curta que lle salvará a vida a Camilo no cárcere. Del herdou as súas ideas revolucionarias, que non deixaron en troques pegada no pai. Andrés Díaz, barbeiro anarquista, compañeiro de cárcere, que tamén salvou a vida grazas ao libro do avó de Camilo. Dalmiro Ferreiro, o peor dos carcereiros, falanxista convencido, especializado en tormentos e leis de fugas. A tía Lola, personaxe moi folletinesco, que non casou nin tivo outro mozo desde que Ricardo marchou para América. Ricardo volve enfermo e pobre. Cando el morre ela perde a cabeza e desaparece. Ao final da novela cóntase o que lle aconteceu.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Recensión da obra no semanario A Nosa Terra, 15/02/2001, de Xosé Manuel Eiré. Recensión da obra en O Correo Galego, 26/04/2001, de Dolores Vilavedra. Recensión da obra en Faro de Vigo, 03/02/2001, de M. Blanco Rivas. Recensión da obra en El Correo Gallego, 25/11/2001, de Francisco Martínez Bouzas.
Categoría:Obras literarias de 2000 Categoría:Novelas en galego Categoría:Novelas ambientadas en Galicia Categoría:Obras sobre a guerra civil española Categoría:Obras gañadoras do Premio García Barros