Leonardo Gómez Pérez, coñecido polo alcume de Trancas, nado en Ferrol o 22 de abril de 1914 e finado no Rego (Bravos, Ourol) o 16 de setembro de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria Electricista de Viveiro. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 pasou a Asturias e ingresou nas Milicias Populares en Sograndio (Oviedo) o 17 de novembro. Coa caída de Asturias regresou á súa terra e incorporouse ao grupo Neira. O 17 de febreiro de 1943 escapou con Antonio Molins Valls a unha redada da policía en Ferrol na que foi detido o seu curmán Eugenio Bernal Pérez.

En 1945 era membro da III Agrupación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, comandada por Manuel Castro Tellado, que actuaba na zona sueste da provincia de Lugo. Foi un dos xefes militares da III Agrupación e participou en varias accións na área de Viveiro, entre elas o axustizamento do xefe da Falange de Viveiro, Manuel Trobo Rivera, con Evaristo Candelas Pérez o 13 de xaneiro de 1946. Non tomou parte na evasión do Santa Teresa.

O 8 de setembro de 1948, a Garda Civil de Ortigueira cercou unha casa de Ambosores na que se refuxiaba Leonardo Gómez con Vicente Peña Tarrasa e outros tres guerrilleiros; no tiroteo mataron o propietario Jesús López Bouza e o seu criado José Durán Souto, logrando fuxir os guerrilleiros. Foi abatido nunha emboscada no Rego (Bravos, Ourol) o 16 de setembro de 1949. Bernardo Máiz (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Vigo: Xerais, p. 174 A súa parella foi apresada ese mesmo día en Vilabuín (Miñotos). Os seus compañeiros fusilaron o falanxista e alguacil de Ourol, Eugenio Arias Casal, acusado de colaborar na morte de Leonardo. Vida persoal Coa súa primeira parella, tivo un fillo, José López Varela, nado na Redonda (Mugardos) en marzo de 1935.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1914 Categoría:Finados en 1949 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes