O río de San Lufo é un río do concello de Dodro, afluente pola marxe dereita do Ulla. Coñécese tamén como río de Vigo.
Etimoloxía O nome Lufo semella voz antiga, debe ser xermánico, relacionado coa partícula ufe/ulfe, lobo. Non hai no Nomenclátor ningún outro Lufo agás o de Dodro. Tamén se coñece como río de Vigo e chámanlle, augas abaixo da aldea de Vigo, río do Cabalo porque os chaláns abeberaban nel os animais cando ían á feira a Padrón.
Curso Nace moi preto de Pexegueiro e do castro de Traxeito, discorren as súas augas por Traxeito, Paizal, Rialiño, continuando o seu percorrido por Susavila, Dodriño e Vigo para desembocar no río Ulla tras percorrer pouco máis de 5 km.
Historia A primeira referencia escrita que atopamos sobre o río de San Lufo é do padre Sarmiento na súa viaxe de 1754. Menciónao Madoz no seu Diccionario como San Luf, describindo o ritual, e aparece tamén no catastro de Ensenada como San Lufe. Neste río bañaban os nenos enfermos, somerxéndoos na corrente do río para salvalos do mal que padecian, superstición xurdida de antigas crenzas.
Lémbrase en Dodro o día no que, cansados dos abusos do marqués de Bendaña, os mozos que o portaban botárono ó río dentro do palanquín no que ía á igrexa de Santa María a oír misa. Guindárono ó pasar pola ponte do San Lufo, para escarmentalo polo infame dereito de pernada, o ius primae nocti, que após foi abolido pola Constitución de 1812.
Río arriba do lugar onde se facía o rito, o padre Sarmiento menciona a mediados do século XVIII a ermida de San Lufo, porén xa non se cita nos Libros de fábrica de Dodro, que empezan no 1790. Actualmente non se conserva a ermida.
Ritos e supersticións miniatura|180px|O río ó seu paso polo Prado do cura, Vigo.
O río está vinculado a vellas tradicións, consideradas como antigas supersticións. Nas súas augas somerxíanse tres veces os nenos que padecían algún mal, bañábanos coa camisa posta nun meandro do río, á beira do prado do cura, arriba da ponte que da acceso á aldea de Vigo. Deixaban ir a camisa polo río e poñíanlle outra nova. Si a camisa flotaba o neno viviría pero se afundía considerábase mal sinal. Acudía xente de moi lonxe para curar os meniños e despois quedaban as beiras do río cheas de camisiñas brancas. A tradición persistiu ata o século XX e foron moitos os nenos que se mergullaron nas súas augas en secretas noites de luar.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Ríos da provincia da Coruña Categoría:Crenzas e supersticións Categoría:Dodro Categoría:Afluentes do río Ulla