O neotrobadorismo é unha corrente poética xurdida ao redor de 1930 que vai agromando, en pleno contexto de eclosión das vangardas, nos anos seguintes á difusión en Galiza da lírica medieval galaico-portuguesa a través da edición comentada de José Joaquim Nunes (1928). A divulgación dun xénero arcaico, propio e de altísima calidade favoreceu que moitos autores novos se lanzasen a actualízar os temas e as formas das cantigas.

O termo foi empregado por vez primeira por Manuel Rodrigues Lapa nunha carta enviada a Fermín Bouza Brey o 20 de maio de 1933.

Nesta corrente que supón unha renovación formal do discurso poético galego -influída sobre todo pola cantiga de amigo- rexorde o asunto amoroso en paralelo ás técnicas (paralelismo, refrán, leixaprén...) e aos ambientes (paisaxes primaverais, fontes, mar, ríos...) dos cancioneiros. miniatura|Álvaro Cunqueiro, poeta que na súa época vangardista cultivou tamén a corrente neotrobadoresca Hai dous autores significativos do neotrobadorismo: Fermín Bouza-Brey: Nao senlleira (1933) e Seitura (1955) Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama Riveira (1933). Cunqueiro continuará publicando poesía neotrobadoresca nos anos de posguerra: Dona do corpo delgado (1950).

O neotrobadorismo: corrente formal, historicista e non vangardista A pesar de que a práctica totalidade dos manuais escolares repiten desde hai décadas que tanto o neotrobadorismo coma o hilozoísmo son vangardas galegas, o certo é que non existe apenas apoio crítico para afirmalo en canto que ningunha das dúas correntes responden á maioría das características encadrables no movemento das vangardas históricas (tamén denominadas Ismos): reacción agresiva contra a literatura anterior, conciencia de grupo (articulada moitas veces en torno a un ou varios manifestos), vocación internacional, ruptura temática e formal etc. Daquela, en sentido estrito, só Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro (pero non por causa da produción neotrobadoresca) representarían o que X. R. Pena define como vangarda plena no campo da literatura galega. Así, acontece que os primeiros textos neotrobadorescos xorden co simple afán de recreación de elementos da lírica medieval galego-portuguesa ou aínda como unha homenaxe a ese pasado excepcional na historia cultural de Galiza.

Foi xa tras a conmoción das vangardas históricas cando algún autor, tal é o caso de Álvaro Cunqueiro, incorporou elementos do lirismo medieval como outra das rupturas formais que caracteriza a súa obra de preguerra, esta si, conscientemente vangardista. O neotrobadorismo cunqueiriano participaría entón da mesma inquietude que levara a autores españois da Xeración do 27 a perseguíren maior expresividade poética botando man de recursos populares ou popularizantes; ao cabo, tamén se cría que as cantigas de amigo representaban o estro popular por antonomasia dentro da lírica medieval. E abrollan, daquela, os textos de Cantiga nova que se chama ribeira.

Semellante proxección non cadra nin coas intencións nin cos versos de Fermín Bouza-Brey; menos aínda cos dos epígonos da corrente durante a posguerra, moito máis apegados a unha concepción academicista da poesía e, desde logo, afastados de calquera afán de vangarda. O neotrobadorismo xa se convertera nunha "forma inmóbil". En resumo, tanto en Galicia coma en Portugal a tendencia -que tamén atopará equivalentes no espazo da arquitectura- revélase como plenamente historicista na medida en que a recreación da Historia constitúe un antídoto fronte aos novos horizontes. Velaí un trazo máis para comprendermos en que medida o neotrobadorismo é unha tendencia poética renovadora no formal, mais non vangardista.

O movemento tería continuación na posguerra representando logo esa "tradición inmóbil", é dicir, unha "estética rexional tolerable"; a arquitectura historicista da época sería o seu equivalente no dominio das belas artes, á beira do paisaxismo costumista e do neovirxilianismo. A corrente neotrobadoresca acabou nun puro manierismo que só mantivo o seu prestixio en canto que representaba o da propia lírica galega dos ss. XIII e XIV. Nese contexto de esgotamento da virtude renovadora do neotrobadorismo, corrente contra a que xa nos anos 50 reaccionaban as autoras e autores máis novos, debemos entender a brincadeira pseudomedieval que X.M. Álvarez Blázquez argalla co nome de Cancioneiro de Monfero (1953). Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Neotrobadorismo e saudosismo

Categoría:Historia da literatura galega Categoría:Vangardas