Manuel Lesteiro Martínez, nado o 18 de marzo de 1867 e finado en Pontevedra o 27 de marzo de 1943, foi un industrial e político galego.

Traxectoria Logo de formarse como xastre na Habana, Nova York, Barcelona e Madrid, asentouse en Pontevedra a finais do século XIX. Propietario da Sastrería Lesteiro, a máis antiga xastraría de Pontevedra e un dos lugares habituais de faladoiro intelectual da cidade no primeiro terzo do século XX, foi membro directivo da Sociedade Económica de Amigos do País de Pontevedra e tesoureiro da Cámara de Comercio. Distinguido pola súa erudición, desenvolveu a súa actividade política entre 1924 e 1930 como Tenente de Alcalde, Concelleiro Delegado de Ensino e membro da Comisión Permanente do Concello de Pontevedra, ademais de membro da Comisión de Instrución Pública, da Xunta Provincial de Ensino e da Comisión de Construcións Escolares. Entre febreiro de 1927 e outubro de 1928, as repetidas ausencias de Mariano Hinojal levárono a exercer durante máis de catro meses como alcalde en funcións, chegando pouco despois a ocupar a alcaldía da cidade ininterrompidamente desde o 14 de outubro, tras a marcha de Hinojal, ata a elección o 4 de decembro de 1928 de Remigio Hevia, con quen mantivo os seus anteriores cargos edilicios.

Como Concelleiro Delegado de Ensino, comisionou a confección do primeiro padrón escolar de todas as localidades do concello, e adiantándose á visión política da época emprendeu a complexa transición das escolas voluntarias municipais ás escolas estatais, o que permitiu un mellor aproveitamento dos fondos locais destinados ao ensino. Froito da súa xestión, triplicouse o número de escolas do municipio e duplicouse o orzamento de Instrución Pública entre 1924 e 1928, acordouse o traslado da Escola Normal de Mestras, e consumouse a esperada inauguración do novo edificio do Instituto na avenida de Montero Ríos, en presenza do rei Afonso XIII. En funcións de Alcalde de Pontevedra, participou xunto con Daniel de la Sota e o marqués de Riestra no tramo decisivo das negociacións para a construción do Ferrocarril Central Galego.

Vida persoal Casou coa mestra Ramona López Franco e foi pai do lingüista Manuel Lesteiro López e de Raquel Lesteiro López, directora do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, ademais de sogro do historiador Ramón Iglesia Parga e avó político do poeta Gregorio San Juan.

Notas

Categoría:Alcaldes de Pontevedra Categoría:Alcaldes de Galicia durante a Restauración Categoría:Nados en 1867 Categoría:Finados en 1943