George Crumb, nado en Charleston o 24 de outubro de 1929 e finado en Media, Pensilvania, o 6 de febreiro de 2022, foi un compositor estadounidense de música vangardista. Foi recoñecido como un explorador de timbres infrecuentes, formas de notación alternativas, e extensas técnicas instrumentais e vocais. Algúns exemplos inclúen o efecto de gaivota para o violoncello (Vox Balaenae), vibrato metálico para o piano (Five Pieces for Piano), e o uso dunha maza para tocar as cordas un contrabaixo (Madrigals, Book I), entre outros. Non foi un compositor de música electrónica; porén, moitas das súas pezas requiren amplificación de instrumentos, como o cuarteto de cordas Black Angels o Ancient Voices of Children. Crumb definiu a música coma “un sistema de proporcións ao servizo do impulso espiritual”.
Biografía Crumb naceu en Charleston, Virxinia Occidental, e empezou a compoñer a idade temperá. Iniciou os seus estudos musicais no Mason College of Music de Charleston, onde recibiu a súa licenciatura no 1950. Obtivo a súa mestría na Universidade de Illinois at Urbana-Champaign, e logo estudou uns anos en Berlín antes de regresar aos Estados Unidos para estudar na Universidade de Míchigan, da que recibiu o seu D.M.A (Doctor of Musical Arts) no 1959.
Crumb gañou a vida principalmente como profesor. O seu primeiro traballo como mestre foi nunha pequena universidade en Virxinia, antes de converterse en profesor de piano e composición da Universidade de Colorado no 1958. En 1965 comezou unha larga asociación coa Universidade de Pennsylvania, volvéndose Profesor Annenberg de Humanidades no 1983. Algúns dos seus máis prominentes estudantes inclúen a Margaret Brower, Uri Caine, Christopher Rouse, Osvaldo Golijov, Jennifer Higdon, Cynthia Cozette Lee, Yen Lu, James Primosch, Ricardo Zohn-Muldoon, Ofer Ben-Amots, Morris Rosenzweig, Andrew Frank e Gerald Levinson.
Crumb retirouse da ensinanza no 1997, aínda que a principios de 2002 foi nomeado xunto a David Burge para unha residencia conxunta na Universidade Estatal de Arizona. Nunca deixou de compoñer.
Crumb foi galardoado con numerosos premios, incluíndo o Premio Pulitzer de Música no 1968 pola súa peza orquestral Echoes of Time and the River, e o Premio Grammy á Mellor Composición Contemporánea no ano 2000 pola súa peza Starchild.
O fillo de Crumb, David Crumb, é un exitoso compositor e, desde 1997, profesor asistente na Universidade de Oregón. A filla do compositor, Ann Crumb, é unha exitosa actriz e cantante. Ela gravou a obra Three Early Songs para o CD George Crumb 70th Birthday Album, e tamén interpretou a obra Unto the Hills.
Obra Despois de ser influído inicialmente por Anton Webern, Crumb interesouse en explorar timbres infrecuentes. Pide con frecuencia tocar os instrumentos de maneira non convencional, e varias das súas pezas están escritas para instrumentos amplificados electronicamente.
A música de Crumb parece a miúdo referirse tanto ao teatral da execución como á música propiamente. En varias das súas pezas pide aos executantes que abandonen a súa posición normal e que se despracen polo escenario durante a obra. Tamén utilizou disposicións infrecuentes na notación musical das súas partituras. En varias partes, a música represéntase simbolicamente dunha maneira circular ou espiral.
Varias obras de Crumb son musicalizacións de textos de Federico García Lorca, entre as que destacan os Catro Libros de Madrigais que escribiu a finais dos 60 e Ancient Voices of Children, un ciclo de cancións de 1970 para dous cantantes e conxunto instrumental pequeno (na que inclúe un piano de xoguete). Moitos dos seus traballos vocais foron escritos para a virtuosa cantante Jan de Gaetani.
Black Angels (1970) é outra obra que mostra o interese de Crumb por explorar unha ampla gama de timbres. Escrito para cuarteto amplificado de cordas (designado "cuarteto de cordas eléctrico" polo compositor na súa partitura, aínda que os instrumentos solicitados sexan acústicos), solicita aos executantes que toquen ademais varios instrumentos de percusión e co arco pequenos gobeletes así como tocar os seus instrumentos de maneira pouco convencional. É unha das obras máis coñecidas de Crumb e foi gravada polo famoso Cuarteto Kronos.
Outra das obras coñecidas de Crumb son os Catro Libros de Makrokosmos (1972-74). Os dous primeiros libros son para piano só, o terceiro, coñecido como Música para unha Tarde de Verán, é para dous pianos e percusión, e o cuarto, Mecánicas celestiais, para piano a catro mans. O título refírese aos seis libros de pezas para piano de Béla Bartók, Mikrokosmos e, como a obra de Bartók, Makrokosmos é unha serie de breves pezas de carácter educativo. Ademais de Bartók, Claude Debussy é o outro compositor do que Crumb recoñeceu influencia nesta obra, aínda que as técnicas empregadas por Crumb estean lonxe da usada polos citados compositores: o piano preparado coa colocación de obxectos sobre e entre as cordas, está amplificado, e en varias ocasións pídeselle ao pianista cantar ou berrar certas palabras durante a interpretación. Makrokosmos foi estreado por David Burge, quen a gravou posteriormente.
As obras de Crumb son publicadas pola Corporación C. F. Peters.
Obras
Música instrumental, solistas e de cámara Two Duos (1944) para frauta e clarinete Four Pieces (1945) para violín e piano Sonata (1945) para piano Sonata (1949) para violín e piano Prelude and Toccata (1951) para piano String Trio (1952) para trío de cordas Three Pastoral Pieces (1952) para óboe e piano Sonata (1953) para viola e piano String Quartet (1954) para cuarteto de corda Sonata (1955) para violoncello só Five Pieces (1962) para piano Four Nocturnes (Night Music II) (1964) para violín e piano Eleven Echoes of Autumn (Echoes I) (1966) para violín, frauta en sol, clarinete e piano Black Angels (Images I) (1970) para "cuarteto de cordas eléctrico" Vox Balaenae (1971) para frauta amplificada, violoncello amplificado e piano amplificado Makrokosmos, Volume I (1972) para piano amplificado Makrokosmos, Volume II (1973) para piano amplificado Music for a Summer Evening (Makrokosmos III) (1974) para dous pianos amplificados e percusión (dous executantes) Dream Sequence (Images II) (1976) para violín, violoncello, piano, percusión (un executante), e harmónica de cristal fóra de escena (dous executantes) Celestial Mechanics (Makrokosmos IV) (1979) para piano amplificado a catro mans A Little Suite for Christmas, A.D. 1979 (1980) para piano Gnomic Variations (1981) para piano Pastoral Drone (1982) para órgano Trio for Strings (1982) para trío de cordas Processional (1983) para piano An Idyll for the Misbegotten (Images III) (1986) para frauta amplificada e percusión (tres executantes) Zeitgeist (Tableaux Vivants) (1988) para dous pianos aplificados Easter Dawning (1991) para carillón Quest (1994) para guitarra, saxofón soprano, arpa, contrabaixo e percusión (dous executantes) Mundus Canis (1998) para guitarra e percusión Eine Kleine Mitternachtmusik (2002) para piano Otherworldly Resonances (2003) para dous pianos
Música vocal Four Songs (1945) para voz, clarinete e piano Seven Songs (1946) para voz e piano Three Early Songs (1947) para voz e piano Alleluja (1948) para coro a capella A Cycle of Greek Lyrics (1950) para voz e piano Night Music I (1963, revisión 1976) para soprano, piano/celesta, e dous percusionistas Madrigals, Books I (1965) para soprano, vibráfono e contrabaixo Madrigals, Books II (1965) para soprano, frauta/frauta en sol/frautín e percusión Songs, Drones, and Refrains of Death (1968) para barítono, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, piano amplificado/clavicémbalo eléctrico e dous percusionistas Night of the Four Moons (1969) para contralto, frauta en sol/frautín, banjo, violoncello eléctrico e percusión Madrigals, Books III (1969) para soprano, arpa e percusión Madrigals, Books IV (1969) para soprano, frauta/frauta en sol/frautín, arpa, contrabaixo e percusión Ancient Voices of Children (1970) para mezzosoprano, voces brancas, óboe, mandolina, arpa, piano amplificado (e piano de xoguete) e percusión (tres executantes) Lux Aeterna (1971) para soprano, frauta baixo/frauta de bico soprano, sitar e percusión (dous executantes) Star-Child (1977, revisión 1979) para soprano, voces brancas antifonadas, coro masculino falado, campás e grande orquestra Apparition (1979) para soprano e piano amplificado The Sleeper (1984) para soprano e piano Federico's Little Songs for Children (1986) para soprano, frauta/frautín/frauta en sol/frauta baixo e arpa Unto the Hills (2001) para soprano, cuarteto con tres percusionistas e piano A Journey Beyond Time (2003) para soprano, cuarteto con tres percusionistas e piano River of Life (2003) para soprano, cuarteto con tres percusionistas e piano Winds of Destiny (2004) para soprano, cuarteto con tres percusionistas e piano
Música orquestral Gethsemane (1947) para pequena orquestra Diptych (1955) para orquestra Variazioni (1959) para grande orquestra Echoes of Time and the River (Echoes II) (1967) para orquestra A Haunted Landscape (1984) para orquestra
Películas George Crumb: The Voice of the Whale (1976). Dirixida e producida por Robert Mugge. Entrevista a cargo de Richard Wernick. Nova York, Rhapsody Films (1988).
Véxase tamén Ligazóns externas Sitio oficial Notas e gravacións en Allmusic.com
Categoría:Compositores de música clásica Categoría:Compositores dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Virxinia Occidental Categoría:Nados en 1929 Categoría:Finados en 2022