FEN1 (Flap endonuclease 1, endonuclease flap 1 ou endonuclease de solapa 1), tamén chamada endonuclease específica da estrutura de solapa 1 (flap structure-specific endonuclease 1), é un encima que nos humanos está codificado polo xene FEN1 do cromosoma 11.

Función

A proteína codificada por este xene elimina as solapas ou flaps 5' colgantes (ou curtas seccións de ADN de febra simple que sobresaen e quedan "colgando" porque as súas bases nucleotídicas non poden unirse ás súas bases complementarias) formadas na reparación do ADN e procesan os extremos 5' dos fragmentos de Okazaki na febra retardada durante a síntese de ADN. A interacción física directa entre esta proteína e a endonuclease AP 1 durante a reparación por escisión de bases de parche longo fai que se produza unha carga ordenada de proteínas sobre o substrato, pasando así o substrato dun encima a outro. A proteína é un membro da familia de endonucleases XPG/RAD2 e é unha das dez proteínas esenciais para a replicación do ADN en sistemas libres de células. A estrutura secundaria do ADN pode inhibir o procesamento das solapas onde hai certas repeticións de trinucleótido de maneira dependente da lonxitude ao ocultar o extremo 5' da solapa, que é necesario para a unión e a clivaxe pola proteína codificada por este xene. Por tanto, a estrutura secundaria pode impedir a función protectora desta proteína, orixinando expansións de trinucleótidos específicos de sitio.

Interaccións A endonuclease específica de estrutura flap 1 (FEN1) presenta interaccións con: APEX1, BLM CDK2, CCNA2, EP300, HNRNPA1, PCNA, e WRN.

Sobreexpresión de FEN1 en cancros

A FEN1 sobreexprésase na maioría dos cancros de mama, próstata, estómago, neuroblastomas, pancreáticos, e de pulmón.

A FEN1 é un encima esencial nunha vía de reparacións inexacta de roturas de dobre febra no ADN chamada unión de extremos alternativa dependente de microhomoloxía ou unión de extremos mediada por microhomoloxía (MMEJ). A MMEJ sempre implica polo menos unha pequena deleción, polo que é unha vía mutaxénica. Outras vías poden tamén reparar roturas de dobre febra no ADN, incluíndo a vía menos inexacta da unión de extremos non homólogos (NHEJ) e vías exactas que usan a reparación recombinacional homóloga (HRR). Varios factores determinan que vía se usará para reparar as roturas de dobre febra do ADN. Cando a FEN1 se sobreexpresa (e isto ocorre cando o seu promotor é hipometilado) a vía moi inexacta MMEJ pode ser favorecida, causando un maior grao de mutación e un incremento do risco de cancro.

Os cancros son a miúdo deficientes na expresión dun ou máis xenes de reparación do ADN, pero a sobreexpresión dun xene de reparación do ADN é infrecuente no cancro.Bernstein C, Prasad AR, Nfonsam V, Bernstein H. (2013). DNA Damage, DNA Repair and Cancer, New Research Directions in DNA Repair, Prof. Clark Chen (Ed.), ISBN 978-953-51-1114-6, InTech, http://www.intechopen.com/books/new-research-directions-in-dna-repair/dna-damage-dna-repair-and-cancer A reparación MMEJ mediada pola FEN1 é moi inexacta, polo que neste caso, a sobreexpresión, en vez da subexpresión, conduce ao cancro.

Notas

Véxase tamén Outros artigos

Categoría:Hidrolases