Abel López Soto, nado nas Pontes de García Rodríguez en 1954, é un docente e político galego retirado. Foi en dúas etapas distintas alcalde de Sada e líder do Bloque Nacionalista Galego no concello durante case vinte anos.
Traxectoria Mestre, exerceu en distintas localidades como Boiro e posteriormente en Sada no Colexio de Mondego. Foi membro do PSG-EG, formando parte da súa candidatura en Boiro en 1991 sen lograr representación. Xa trasladado a Sada, formaría parte das candidaturas encabezadas por Manolo Cristanto, compañeiro inicilamente do PSG-EG, pero ao que posteriormente acompañaría na súa integración en Esquerda Unida-Esquerda Galega, formación pola que se presentaron en 1995, e logo Esquerda de Galicia, pola que se presentaron en 1999. En ambas ocasións foi a principal forza da oposición. Non resultou inicialmente escollido en ningunha destas convocatorias, pero as renuncia de Crisanto a recoller a acta logo dos comicios de 1999 supuxo que López Soto finalmente entrase como concelleiro.
En xaneiro de 2001 os concelleiros do grupo de Esquerda de Galicia en Sada abandonaron a formación e pasaron a integrarse no BNG. Nas eleccións municipais de 2003 encabezou a candidatura do BNG e accedeu á alcaldía de Sada logo de viente e catro anos ininterrompidos de gobernos de Ramón Rodríguez Ares e que este perdera a maioría absoluta, sendo investido co apoio do PSdeG-PSOE e dous partidos independentes cos que formou un goberno de coalición Porén, en xaneiro de 2004 o edil tránsfuga do PSdeG José Luis Santamaría apoiou a Rodríguez Ares nunha moción de censura que lle devolvería a alcaldía a este último para o que quedaba de mandato. Este feito provocou as protestas na rúa de milleiros de veciños e a expulsión de Rodríguez Ares do Partido Popular. Nesta contexto, López Soto foi candidato ao Senado nas Eleccións Xerais de 2004 pola provincia da Coruña. Se ben non resultou escollido, en Sada foi o candidato máis votado, dando conta dun importante rexeitamento á moción no municipio.
Logo das eleccións municipais de 2007, López Soto conseguiu que o BNG fose a lista máis votada no concello e regresou á alcaldía, contando co apoio do PSdeG-PSOE, establecendo un goberno de coalición dado que non fora quen de acadar a maioría absoluta. Durante esta etapa foi un dos protagonistas no proceso que supuxo a apertura do Pazo de Meirás ao público ante o rexeitamento dos herdeiros de Francisco Franco.
Nas eleccións municipais de 2011 volveu conseguir que o BNG repetise como lista máis votada. Mais desta volta, os resultados acadados non foron abondo para sumar unha maioría de esquerdas, polo que o partido que Rodríguez Ares formara trala súa expulsión do PP, o Partido Demócrata Sada Popular, e o PP, acadaron un pacto de goberno que lle outorgou a alcaldía ao líder popular, Ernesto Anido, pese a ser a terceira forza tralo BNG e Rodríguez Ares.
Deste modo, pasou á oposición. En setembro de 2014 fixo pública a súa renuncia a anovar como candidato do BNG para as eleccións municipais de 2015.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Eleccións municipais en Sada
Categoría:Alcaldes de Sada Categoría:Alcaldes de Galicia polo BNG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Concelleiros de Galicia polo BNG Categoría:Nados nas Pontes de García Rodríguez Categoría:Nados en 1954 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes