A morte de Adolf Hitler tivo lugar o 30 de abril de 1945 no seu Führerbunker en Berlín. Hitler suicidouse dun disparo de pistola, mentres que a súa muller Eva Braun suicidouse con el por medio da inxestión de cianuro. Esa mesma tarde, seguindo instrucións previas de Hitler, os seus restos foron levados fóra do búnker pola saída de emerxencia, e tras botarlles gasolina foron queimados no xardín da chancelería do Reich. Os rexistros soviéticos indican que os seus restos queimados foron recuperados e enterrados sucesivamente en varios lugares ata 1970, cando foron exhumados de novo, incinerados e as súas cinzas foron espalladas.

Os diversos recontos do feito difiren na causa da morte. Un indica que faleceu só por inxerir un veleno mentres que outro indica que faleceu disparándose a si mesmo mentres inxería unha cápsula de cianuro. Os historiadores contemporáneos rexeitaron estes recontos por ser ou ben propaganda soviética ou un intento de compromiso para reconciliar as distintas conclusións. Segundo unha testemuña o corpo tiña sinais de ter recibido un disparo a través da boca, mais isto probouse como pouco probable. Existe tamén unha controversia con respecto á autenticidade dos fragmentos de mandíbula e cranio que foron recuperados. No ano 2009 investigadores estadounidenses levaron a cabo unha análise de ADN no cranio que os oficiais soviéticos crían que era de Hitler. As probas e o exame dos restos revelaron que o cranio pertencía a unha muller de menos de 40 anos de idade, e os fragmentos de mandíbula recuperados non foron analizados.

Precedentes A comezos do ano 1945 a situación militar da Alemaña nazi estaba ó bordo do colapso total. Polonia estaba baixo o dominio das forzas da Unión Soviética, que estaban a prepararse para cruzar o río Oder entre Kostrzyn nad Odrą e Frankfurt an der Oder co obxectivo de capturar Berlín, a 82 km ó oeste. As forzas alemás sufriran unha derrota perante os Aliados na ofensiva das Ardenas, coas forzas británicas e canadenses cruzando o Rin cara ó corazón industrial de Alemaña no Ruhr. O exército estadounidense capturara Lorena no sur e estaba avanzando cara a Maguncia, Mannheim e o Rin. En Italia, as forzas xermanas estaban retirándose cara ó norte baixo a presión das forzas americanas e da Commonwealth como parte da ofensiva da primavera a través do río Po cara á base dos Alpes. Paralelamente a estas accións militares, os Aliados reuníronse na Conferencia de Ialta entre o 4 e o 11 de febreiro dese ano para debater a conclusión da guerra en Europa.

miniatura|esquerda|250px|Diagrama do Führerbunker. Hitler retirouse ó seu Führerbunker en Berlín o 16 de xaneiro de 1945. Para os líderes Nazis estaba claro que a batalla de Berlín sería a última da guerra por Europa. Ó redor duns 325 000 soldados do Grupo B do Exército Alemán foron arrodeados e capturados o 18 de abril polas forzas Aliadas, deixando o camiño libre para que os estadounidenses chegasen a Berlín. Cara ó 11 de abril os americanos cruzaron o Elba, a uns 100 km ó oeste da cidade. O 16 de abril as forzas soviéticas no leste cruzaron o Oder e comezaron a batalla de Seelow, a última liña defensiva que protexía Berlín polo seu lado. Tres días despois, o 19 de abril, os alemáns retiráronse da batalla, sen deixar ningunha fronte. A artillaría soviética comezou un bombardeo de Berlín o 20 de abril, día do aniversario de Hitler, e para a noite do 21 os tanques do Exército Vermello chegaron á periferia da cidade.

Nunha reunión á tarde do día 22 cos seus mandos, Hitler sufriu un colapso nervioso cando foi informado de que o xeneral das SS Felix Steiner desobedecera as súas ordes de acudir ó rescate de Berlín co seu destacamento. Hitler lanzou unha diatriba pola traizón e incompetencia dos seus comandantes, culminando nunha declaración, a primeira como tal, de que a guerra estaba perdida. Anunciou que ficaría en Berlín ata o final, e que se dispararía el mesmo. Máis tarde ese mesmo día, preguntoulle ó médico das SS Werner Haase cal era a forma máis fiable de suicidarse. Haase suxeriulle o "método veleno e pistola", combinando unha dose de cianuro cun disparo na cabeza. Hermann Göring envioulle entón un telegrama a Hitler pedíndolle permiso para asumir o liderado do Reich de acordo co decreto de 1941 no que Hitler o nomeara como o seu sucesor. O secretario de Hitler Martin Bormann convenceuno de que Göring estaba ameazándoo cun golpe de Estado, e como resposta Hitler informou a Göring de que sería executado a non ser que renunciase a tódolos seus mandos. Ese mesmo día destituíuno e ordenou o seu arresto.

O 27 de abril Berlín quedou arrodeada e separada do resto de Alemaña. As comunicacións seguras por radio coas unidades defensivas perdéranse e os mandos presentes no búnker dependían de liñas telefónicas para enviarlles instrucións e ordes, así como da radio pública para recibir novas e información. Ó día seguinte conseguiron recoller un informe da BBC fornecido por Reuters, e Hitler recibiu unha copia da mensaxe. O informe afirmaba que o Reichsführer Heinrich Himmler ofrecera a súa rendición ós Aliados occidentais, que rexeitaran a oferta. Himmler déralles a entender ós Aliados que tiña a autoridade para negociar a rendición, e Hitler considerou esta oferta como traizón. Na tarde dese día a súa ira e rancor converteuse nun ataque de rabia contra Himler. Ordenou o arresto de Himmler e o representante deste no cuartel xeral, Hermann Fegelein, foi executado dun disparo.

Para entón o Exército Soviético tiña avanzado ata a Potsdamer Platz, e todo indicaba que estaban preparándose para atacar a chancelería. Este informe, xunto coa traizón de Himler, apurou a Hitler a tomar as últimas decisións da súa vida. Pasada a media noite do 29 de abril, Hitler casou con Eva Braun nunha pequena cerimonia civil nunha sala de mapas do Führerbunker. Tras un modesto almorzo xunto a súa nova muller, Hitler levou a secretaria Traudl Junge a outra habitación e ditoulle a súa última vontade e testamento. Asinou estes documentos ás 4:00 horas e foise á durmir. Segundo algunhas fontes Hitler ditou o testamento inmediatamente despois da voda, pero tódalas fontes concordan na hora en que as asinou.

No curso do día 29 de abril Hitler recibiu a nova da morte do seu aliado Benito Mussolini, que fora executado por partisanos italianos. O corpo de Mussolini e o da súa amante Clara Petacci foran colgados dos talóns, cortados e tirados ó chan, denigrados polos italianos. É probable que estes eventos reforzasen a motivación de Hitler de non permitir que "se fixese un espectáculo" del nin da súa muller, tal e como rexistrara previamente no seu testamento. Esa mesma tarde Hitler expresou a súa dúbida sobre as cápsulas de cianuro que recibira das SS de Himmler. Para verificar a potencia das cápsulas, ordenoulle ó doutor Werner Haase que as probase co seu can Blondi, provocándolle a morte ó animal.

Suicidio miniatura|dereita|Hitler e Eva Braun xunto a Blondi no 1942. Hitler e Braun viviron xuntos no búnker como marido e muller por menos de 40 horas. Cara á 1:00 do 30 de abril, o xeneral Wilhelm Keitel informou de que tódalas forzas das que Hitler dependía para acudir ó rescate de Berlín foran ou ben arrodeadas ou ben forzadas á poñerse á defensiva. Máis tarde esa mañá, cos soviéticos a menos de 500 m do búnker, Hitler reuniuse co xeneral Helmuth Weidling, comandante da Área de Defensa de Berlín, quen lle dixo que con toda probabilidade a gornición quedaría sen munición esa mesma noite e que a batalla por Berlín chegaría ó seu fin inevitable nas seguintes 24 horas. Weidling pediulle permiso a Hitler para intentar unha escapada a través das liñas inimigas, petición que lle denegara anteriormente. Hitler non respondeu e Weidling volveu ó seu cuartel xeral en Bendlerblock. Ó redor das 13:00 horas recibiu o permiso de Hitler para intentar a escapada esa mesma noite. Hitler, dúas secretarias e o seu cociñeiro persoal almorzaron xuntos. Hitler e Braun despedíronse entón do persoal do Führerbunker e dos seus ocupantes, incluíndo a Bormann, Joseph Goebbels e a súa familia, as secretarias e varios oficiais militares. Sobre as 14:30 Adolf e Eva Hitler entraron no estudio persoal deste.

Varias testemuñas declararon posteriormente que escoitaron un forte ruído de disparo ó redor das 15:30. Tras uns poucos minutos, o axudante de cámara de Hitler, Heinz Linge, e máis Bormann abriron a porta do estudio. Linge afirmou que notara inmediatamente un olor a améndoas queimadas, unha observación común na presenza de cianuro de hidróxeno. O asistente de Hitler e SS-Sturmbannführer Otto Günsche entrou no estudio e atopou os corpos sen vida no sofá. Eva estaba desplomada coas pernas cara a arriba á esquerda de Hitler. Günsche afirmou que Hitler "... estaba sentado ... afundido, con sangue caéndolle do témpano dereito. Disparárase coa súa propia pistola, unha Walther PPK 7.65". A arma estaba ós seus pés e segundo o SS-Oberscharführer Rochus Misch, a cabeza de Hitler estaba apoiada na mesa que tiña en fronte del. O sanque que lle caía da cabeza deixara unha gran mancha no brazo dereito do sofá e formara unha poza na alfombra. Segundo Linge, o corpo de Eva non tiña feridas visibles, e a súa cara amosaba que falecera por envelenamento con cianuro. Günsche e o SS-Brigadeführer Wilhelm Mohnke afirmaron "inequivocamente" que tódolos de fóra do búnker e os que estaban de garda nel "non tiveron ningún acceso" ó cuarto privado de Hitler no momento da súa morte", entre as 15:00 e as 16:00 horas.

miniatura|esquerda|250px|Exterior do Führerbunker en 1947. Günsche saíu do estudio e aununciou que o Führer estaba morto. Os dous corpos foron levados escaleiras arriba cara ó nivel do chan e sacáronos pola saída de emerxencia do búnker ata o xardín traseiro da chancelería do Reich, onde lles botaron gasolina. Segundo o testemuño de Rochus Misch, alguén gritou "Apurádevos arriba, están queimando o xefe!" Tras uns primeiros intentos infrutuosos de prender a gasolina, Linge volveu dentro do búnker e colleu un rolo de papel que Bormann encendeu e tirou por riba dos corpos. Mentres estes comezaban a arder, o pequeno grupo de persoas que alí se atopaba, incluíndo a Bormann, Günsche, Linge, Goebbels, Erich Kempka, Peter Högl, Ewald Lindloff e Hans Reisser, alzaron os brazos en forma de saúdo.

Aproximadamente ás 16:15, Linge ordenoulle ó SS-Untersturmführer Heinz Krüger e ó SS-Oberscharführer Werner Schwiedel que enrolasen a alfombra do estudio de Hitler para queimala. Schwiedel afirmou posteriormente que ó entrar no estudio viu unha poza de sangue do tamaño dun "prato grande", ó carón do sofá, e recolleu a carcasa do cartucho da pistola. Os dous homes retiraron a alfombra, subírona polas escaleiras e levárona fóra ó xardín, onde foi queimada. Durante aquela tarde os soviéticos bombardearon a zona ó redor da chancelería de forma intermitente. Varios gardas da SS trouxeron latas de gasolina adicionais para queimar máis os corpos. Linge decatouse de que o lume non desfixera os restos por completo, xa que os corpos foron queimados ó aire libre e a distribución da calor era variable. A queima durou dende as 16:00 ata as 18:30, e Lindloff e Reisser deixaron e taparon os restos nun pequeno furado de bomba ó redor das 18:30.

Consecuencias