A síndrome de Tourette é unha desorde neuropsiquiátrica herdable que comeza na infancia, caracterizada por múltiples tics físicos e polo menos un tic vocal. Estes tics adoitan variar na súa frecuencia, poden desaparecer temporalmente, e veñen precedidos dunha ansia premonitoria. Esta síndrome defínese dentro dun espectro de trastornos que inclúen tics temporais e persistentes. O epónimo deullo Jean-Martin Charcot no século XIX por mor de Georges Gilles de la Tourette, un médico e neurólogo francés que publicou un informe sobre nove pacientes diagnosticados con esta síndrome no ano 1885.

A síndrome de Tourette considerábase unha síndrome rara e bizarra, asociada á exclamación de palabras obscenas ou afirmacións socialmente inapropiadas (coprolalia), malia que este síntoma só se atopa presente nunha pequena minoría de persoas coa síndrome. Non se considera xa unha condición rara, mais non sempre se identifica correctamente xa que a maioría dos casos son leves e a severidade dos tics diminúe na maioría dos nenos no seu paso á adolescencia. Estímase que entre o 0,4% e o 3,8% dos nenos e adolescentes de entre 5 e 18 anos poden ter a síndrome de Tourette, e a prevalencia das desordes con tics nos nenos en idade escolar é maior, sendo os máis común os tics que implican o pestanexo, tose, clarexo da gorxa e outros movementos faciais. Os casos extremos da síndrome nos adultos son pouco habituais, e non afecta negativamente á intelixencia ou á esperanza de vida.

A xenética así como factores ambientais teñen un papel na etioloxía da síndrome de Tourette, mais as súas causas exactas son descoñecidas. Na maioría dos casos a medicación non é necesaria. Non existe un tratamento efectivo para tódolos casos de tics, pero algúns medicamentos e terapias poden axudar a reducilos en certos casos. A educación resulta de importancia nos plans de tratamento desta desorde, e a explicación e consello médico adoitan ser suficientes como tratamento. As condicións comórbidas como os trastornos por déficit de atención con hiperactividade e os trastornos obsesivo-compulsivos están presentes en moitos dos pacientes diagnosticados. Estas outras condicións habitualmente causan máis problemas ó individuo que os tics característicos desta síndrome, polo que resulta importante identificar correctamente as condicións comórbidas para o seu correcto tratamento.

Notas Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Doenzas