Na mitoloxía romana, Xuno era unha deusa, equivalente á Hera grega, deusa do matrimonio e raíña dos deuses. Filla de Saturno e Ops, irmá e esposa de Xúpiter, co que tivo dous fillos, Marte e Vulcano e unha filla, Lucina. Xuno foi unha deidade maior da relixión romana e formou parte, xunto a Xúpiter e Minerva, da Tríade Capitolina, un importante culto romano. Na mitoloxía romana Xuno representa a maternidade.
Etimoloxía e orixe Hai unha probable etimoloxía para Xuno na raíz protoindoeuropa *yeu-, ‘forza vital’. Aínda que tal derivación podería ser consistente cunha orixe como Deusa Nai, é máis probable que esta raíz se usase no mesmo sentido que outras palabras latinas derivadas dela, como iuvenis (‘home novo’, con derivados tales como «xuvenil» ou «rexuvenecer»), o que implicaría que a natureza da mitoloxía grecorromana era máis próxima á Diana como deusa doncela dos nacementos ou a partería. Con todo, a absorción romana do mito grego substituíu características primitivas de Xuno con outras de Hera, estendendo o seu dominio do nacemento ao matrimonio e promovéndoa ao papel de esposa de Xúpiter e raíña dos deuses. Tamén podía botar raios como este. miniatura|Xúpiter e Xuno de James Barry (1773). Tamén existe a posibilidade, por inmediatez xeográfica, dunha influencia etrusca. A equivalente etrusca de Xuno era Uni. É probable que unha destas deusas se inspirase na outra, pero non está claro en que dirección. Aínda que actualmente hai máis apoio á teoría de que Uni derivou de Xuno, se fose ao revés, o nome de Xuno non podería ter un vínculo protoindoeuropeo con *yeu- e a súa raíz semántica permanecería ambigua. Hai algún apoio á teoría de que Uni fose a orixinal: Livio afirma que Xuno era unha deusa etrusca de Veies que foi cerimoniosamente adoptada polo panteón romano cando a cidade foi saqueada no 396 a. C.Livio, Libro V Ab Urbe Condita.
Epítetos e funcións Mesmo máis que outras deidades romanas maiores, Xuno ostentou un gran número de epítetos significativos e variados, nome e títulos que representaban diversos aspectos e papeis da deusa.
De acordo co seu papel central como deusa do matrimonio, recibía os seguintes títulos: Interduca, ‘a que leva á noiva ao matrimonio’ Domiduca, ‘a que leva á noiva ao seu novo fogar’ Cinxia, ‘a que perde a faixa da noiva’ Aínda que moitos outros dos seus epítetos teñen moita menos relación temática: Regina (‘a raíña’), aspecto polo que foi nomeada no Templo de Xúpiter Óptimo Máximo como parte da Tríade Capitolina, salientando que o papel da deusa como esposa de Xúpiter e raíña dos deuses era o máis importante nese contexto. Tamén había templos a Xuno Regina no monte Aventino, no Circo Flaminio e na zona que se había converter no Porticus Octaviae. Moneta, como protectora das riquezas do Imperio Romano. A etimoloxía deste epíteto é controvertida, podendo derivar de mons, ‘monte’, por estar un dos seus templos no monte Capitolino ou de monere, ‘avisar’, polo aviso que deu aos romanos para evitar o ataque dos galos. Lucina (‘a que trae nenos á luz’) e Lucetia (‘a que trae luz’), cando axudaba nos partos. Pomona (‘da froita’). Pronuba (‘matrona de honra’). Ossipagina (‘a que moldea os ósos’ ou ‘a que fortalece os ósos’) Con todo, algúns destes títulos poden ser inventados como descricións poéticas e poida que realmente non sexan usados no culto a Xuno.
Culto O 1 de marzo de cada ano, as mulleres celebraban unhas festas en honra de Xuno chamadas Matronalia. Outras festas na súa honra, as Nonas Caprotinas, celebrábanse o 7 de xullo. Moitos consideraban o mes de xuño, que toma o seu nome de Xuno, patroa do matrimonio, o máis favorable para casar. Os Calendas de cada mes tamén estaban consagrados a esta deusa, que tiña festas o 1 de xullo e o 13 de setembro.
Xuno tiña en ocasións un carácter guerreiro que se facía aparente nas súas roupas. A miúdo aparecía armada e levando unha capa de pel de cabra, que era a peza preferida polos soldados romanos en campaña. Este aspecto guerreiro foi asimilado da deusa grega Atenea, cuxa pel de cabra recibía o nome de éxida.
Referencias literarias Quizais a máis prominente aparición de Xuno na literatura romana sexa como principal forza antagonista na Eneida de Virxilio, onde a presenta como unha cruel e salvaxe deusa determinada a axudar primeiro a Dido e logo a Turno e os rútulos contra o intento de Eneas de achar unha nova Troia en Italia. Houbo algunhas especulacións (como as de Mauro Honorato Servio, un antigo comentarista sobre a Eneida) de que quizais se trate dunha fusión de Hera coa deusa das tormentas cartaxinesa Tanit nalgúns dos aspectos do seu retrato na obra.
Xuno é mencionada en A tempestade de Shakespeare xunto con Ceres e Iris.
Odio de Xuno a Eneas Xuno odiaba aos troianos porque o seu marido o enganara con Ganímedes, un príncipe troiano, e converteuno no copeiro dos deuses. Tamén os odiaba polo Xuízo de Paris, un mozo troiano que elixiu a Venus como a máis fermosa no canto da ela.
Por iso quere impedir que Eneas funde unha nova Troia en Italia, despois da súa destrución. Para impedilo vai a Eolia e pídelle a Eolo, señor dos ventos, que os mova en contra de Eneas e fai que cheguen a Cartago. Daquela, Neptuno fai que as augas se acouguen por provocar ondas sen a súa indicación.
Mentres os troianos estaban en Cartago, terra onde reinaba Dido, Xuno fai un pacto con Venus dicindo que tiñan un obxectivo en común: que Eneas reinase en Cartago con Dido. Venus sabía que ese non era o destino de Eneas, pero engánaa. Venus xa fixera que Cupido namore a Dido de Eneas, para que ela non o traizoe. Así acepta o pacto con Xuno e deixa que esta organice unha tormenta onde Eneas e Dido deban durmir baixo o mesmo teito e contraian matrimonio.
Mercurio, enviado por Xúpiter, lémbralle que ese non é o seu destino, entón decide partir. Xuno, dándose conta de que se rompeu o seu pacto, envía a Iris a queimar a frota de Eneas. Finalmente, poden chegar ao Lacio e, enfurecida, Xuno, desexa desatar a guerra xa prevista entre latinos e troianos. Por iso enviou ás deidades do inferno para que convenzan a Amata de que por culpa de Eneas Turno non ía poder ser o seu xenro e a Turno invádeo a furia para que queira tomar vinganza. Xuno abre as portas da guerra e esta comeza. Daquela, Xuno e Xúpiter pactan que ela non intervirá máis, así como tampouco Venus para axudar a ningún dos heroes, que atrasará a morte de Turno pero non cambiará o destino da guerra. Con todo, Xuno pídelle a Xaturna, irmá de Turno, que rompa o pacto e axude ao seu irmán. Finalmente dáse conta de que non pode facer nada para impedir o destino marcado polos fados, entón pide que os latinos manteñan o seu nome, os seus traxes e o seu idioma e que desapareza o nome de Troia. Xúpiter concede o seu desexo para que deixe de molestar aos troianos e di que só agregará deuses e culto.
Notas
Categoría:Deusas romanas Categoría:Maternidade