O trastorno hipocondríaco, tamén denominado hipocondría , hipocondriase, nosofobia ou neurosis hipocondríaca, é unha enfermidade na cal o paciente mostra unha actitude de preocupación exacerbada pola súa saúde. A orixe do termo provén do hipocondrio, unha rexión anatómica localizada na parte superior do abdome, xusto baixo as costelas e o apéndice xifoides. Segundo a escola médica humoral, a etioloxía deste trastorno estaba orixinada nesa rexión.

As persoas hipocondríacas tenden a esaxerar os seus sufrimentos, que poden ser reais ou imaxinarios, crendo que padece unha enfermidade grave. A interpretación catastrófica dos signos corporais máis ínfimos por parte do individuo é o mecanismo que provoca a hipocondría. A hipocondría, pois, é unha resposta ou reacción do individuo perante unha doenza.

Síntomas O principal síntoma da hipocondría está relacionado intimamente coa ansiedade. Trátase da preocupación exacerbada que o individuo ten coa súa saúde. A principal preocupación do individuo é a de padecer unha doenza grave ou incurable. Dita preocupación baséase na interpretación de signos ou síntomas tales coma taquicardia, diarrea ou mesmo feridas ou lunares.

Diagnóstico O diagnóstico de hipocondriasis require diferencialo da personalidade aprehensivaA aprehensión é, segundo a RAG, a actitude de quen desconfía de algo, sen fundamento ou con pouco motivo, por temer algún perigo, sobre todo para a súa saúde.. Ao contrario que nos casos nos que a a preocupación pola enfermidade é un trazo da personalidade, na hipocondriase o malestar e tal que interfire e afecta á vida social, laboral e persoal do individuo. Para diagnosticar a doenza, ademais, cómpre que os síntomas perduren no tempo un mínimo de seis meses desde o inicio dos síntomas.

Segundo o CIE-10, a diagnóstico de trastorno hipocondríaco inclúe:

Preocupación persistente pola posibilidade de sufrir un ou máis trastornos físicos graves e progresivos. Os doentes manifestan queixas somáticas persistentes ou unha preocupación polo seu aspecto físico. As sensacións normais son a miúdo interpretadas polo paciente coma anormais, angustiantes, e habitualmente enfoca a atención en só un ou dous órganos ou sistemas corporais, Frecuentemente existe depresión e ansiedade marcadas que poden fundamentar diagnósticos adicionais.

Tratamento O tratamento baséase na combinación de fármacos antidepresivos coa psicoterapia cognitivo condutual. De feito, é moi común que psiquiatra e psicólogo traballen xuntos ante esta enfermidade. Os medicamentos reducen o desánimo pero por si sos non son suficientes para eliminar as ideas de enfermidade. Débense tomar conxuntamente co tratamento psicolóxico.

A psicoterapia en si diríxese a paliar a angustia e o medo que senten estas persoas ensinándolles a enfrontar o seu problema. Un punto vital radica en saber diferenciar os síntomas reais dos ficticios. Normalmente úsanse técnicas como a desensibilización, o control do pensamento e a relaxación.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Trastorno dismórfico corporal Aprehensión Disforia

Categoría:Trastornos mentais