Luís Villares Naveira, nado en Lugo o 8 de agosto de 1978"Luís Villares: o defensor do galego que toca a zanfona e a gaita" , artigo en El Progreso, 6 de agosto de 2016 ., é un xuíz e político galego de En Marea e portavoz do seu grupo parlamentario na X Lexislatura do Parlamento de Galicia. En febreiro de 2020, anunciou o seu abandono da política antes das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020.
Traxectoria profesional Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, especializado na rama de Dereito do Consumo.
Xuíz de carreira dende 2005, exerceu na Fonsagrada (2007-2010) e despois como maxistrado do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional (2010-2011), titular no Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (2011-2012), no Xulgado Contencioso-Administrativo de Lugo e na Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Foi coordinador en Galicia da asociación progresista Xuíces para a Democracia e é membro fundador da Irmandade Xurídica Galega.
Traxectoria política O seu foi un dos nomes que soaron para liderar o proxecto político de En Marea para as eleccións galegas de 2016"Sopesan o maxistrado Luís Villares como candidato da Marea á Presidencia", nova en Praza Pública o 21 de abril de 2016.. O 6 de agosto do 2016 presentou a súa candidatura ás primarias deste partido, tralo cal foi elixido candidato á presidencia da Xunta de Galicia.
Logo dos comicios -nos que Villares encabezou as listas pola provincia de Lugo- En Marea foi a segunda lista máis votada e acadou un total de 14 deputados. Porén, o espazo político de En Marea crebou por mor das disputas internas. A finais de 2018, unha crise relacionada coa elección dun novo liderado do partido deveu nunha división entre os membros partidarios de Villares e os membros dos partidos fundadores de En Marea, Podemos, Anova-Irmandade Nacionalista (Anova) e Esquerda Unida (EU). Villares foi elixido como novo líder de En Marea o 24 de decembro de 2018 en medio de acusacións de fraude electoral, o cal provocou que Podemos, Anova e EU abandonasen En Marea considerándoo como un proxecto político "errado". Os parlamentarios de Podemos, Anova e EU formaron o Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia en setembro de 2019. Podemos e EU participaron tanto nas eleccións de abril como nas de novembro de 2019 baixo a marca En Común–Unidas Podemos, formando o subgrupo Galicia en Común dentro de Unidas Podemos no Congreso dos Deputados.
En febreiro de 2020, antes das eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020, anunciou que non se presentaría ós comicios e que a finais dese mes abandonaría a política.
Obra Estatuto xurídico da lingua galega, 2005. A inconstitucionalidade da segregación do estudantado por razón de lingua, 2009. Estudo crítico do sistema de responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos: ensinanzas do Prestige, 2009. Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, 2010 (coordinador).
Galardóns Premio Lois Peña Novo 2012
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha no Parlamento de Galicia Biografía na web oficial de EnMarea Ficha en Armela Entrevista en Faro de Vigo.
Categoría:Nados en 1978 Categoría:Nados en Lugo Categoría:Xuíces de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia por En Marea Categoría:Deputados da X Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela