O Premio Galicia 1970 foi organizado polo Centro Gallego de Buenos Aires, principal institución galega na Arxentina, implicada en varias tarefas sociais, entre elas a cultural, tentando promover a cultura galega entre os emigrantes galegos. Neste ámbito, o Centro convoca certames en diferentes categorías, como por exemplo o premio de novela Galicia 1970, celebrado unicamente nese ano, cunha intención de consagración da gañadora.
Características O certame estaba destinado a galardoar a composicións exclusivamente en prosa. Así, o xurado encargado de cualificar as doce novelas que se presentaron estivo constituído, segundo desexo da entidade promotora do mesmo, por representantes da Real Academia Galega, da editorial Castrelos e da editorial Galaxia. Este comité foi presidido por Sebastián Martínez-Risco y Macías. Reuníronse no salón de sesións da Academia e ditouse fallo o día 16 de outubro.
Segundo as fontes consultadas, algunhas das obras presentadas ao certame foron Adiós, María de Xohana Torrres, gañadora; Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor; O silencio redimido, de Silvio Santiago e O mesón do birollo, de José Fariña Jamardo.
Polémica En torno a este premio, que foi gañado por Xohana Torres coa obra Adiós, María, xeráronse varias polémicas. En primeiro lugar, Eduardo Blanco Amor, outro dos propostos, considerou inadecuada a elección da gañadora debido á falta de transparencia por parte do xurado, quen se sospeitaba que non lía na súa totalidade algunhas das novelas propostas. Como o propio Blanco Amor declarou, “No, no fue finalista. Ni siquiera la consideraron. Envié cinco ejemplares, dos de ellos pegados, y me los devolvieron en las mismas condiciones. Creían que algunas cosas eran obscenas”
Ademais, houbo outra controversia arredor das figuras de Perfecto Conde Muruais e Juan Soto. O primeiro escribe unha recensión, Hacia el desarrollo de la novela gallega, no número 484 da revista Triunfo do 8 de xaneiro de 1972, na cal afirmaba, a propósito do Premio Galicia e da galardoada Xohana Torres, que dita novela estaba sobrevalorada e consideraba que o premio debería ter sido outorgado a Blanco Amor. Como contestación a esta recensión, Soto enviou unha carta na cal critica a posición de Murais e mesmo cuestiona a existencia dunha novela galega. El considera que Adiós, María é unha obra presuntuosa que procura achegarse á nova literatura hispanoamericana do momento. Así mesmo, táchaa de tópica e banal, considerando que existían moitas outras obras merecedoras do recoñecemento, como por exemplo O silencio redimido de Silvio Santiago.
Notas
Véxase tamén Bibliografía A novela «Adiós María», de Xohana Torres, entrégase hoxe con La Voz La novela gallega , polémica na revista Triunfo. Un novelista gallego , en Triunfo.
Galicia 1970 Categoría:1970 en Galicia Categoría:Buenos Aires Categoría:Galegos da Arxentina