Pioneer 4 foi unha misión espacial lanzada o 3 de marzo de 1959 mediante un foguete Juno II desde a base espacial de Cabo Cañaveral para estudar o espazo entre a Terra e a Lúa e achegarse a esta última antes de entrar nunha órbita heliocéntrica.
Características Pioneer 4 tivo a súa orixe nas previamente fracasadas misións Pioneer 0, Pioneer 1 e Pioneer 2. Uns meses antes lanzárase a Pioneer 3, que debido a unha potencia insuficiente do foguete portador reentrou na atmosfera terrestre unhas horas despois do lanzamento. Pioneer 4 foi lanzada con éxito e converteuse na primeira nave estadounidense en escapar da gravidade terrestre e entrar en órbita heliocéntrica.
Nave
Pioneer 4 estabilizábase mediante xiro e tiña forma de cono, con 51 cm de altura e 23 cm de diámetro, composto dunha cuberta de fibra de vidro recuberta dun baño de ouro para facelo electricamente condutor e pintado con bandas brancas e negras para manter a temperatura da nave a entre 10 e 50 °C. Na parte superior do cono sobresaía unha pequena antena. Na base situábanse varias baterías de mercurio para proporcionar enerxía durante a misión, xa que a nave non usaba paneis solares. Do centro da base sobresaía un sensor fotoeléctrico que debía ser disparado pola luz da Lúa cando Pioneer 3 pasase a menos de 30.000 da súa superficie. No interior do cono aloxábanse un tubo xerador de voltaxe e dous contadores Geiger-Mueller para detectar radiación, os únicos instrumentos que Pioneer 3 levaba a bordo. As comunicacións terían lugar grazas a un transmisor de 0,5 kg que proporcionaba un sinal de 0,1 vatios de potencia a unha frecuencia de 960,05 MHz. Un mecanismo de freada consistente en dous pesos de 7 gramos que saían da nave colgados de sendos cables de 150 cm de lonxitude baixou a rotación de Pioneer 4 das 30 r.p.m. orixinais a 6 r.p.m. dez horas despois do lanzamento.
Perfil da misión Pioneer 4 foi lanzada o 3 de marzo de 1959 desde Cabo Cañaveral nunha traxectoria que a levou a pasar a uns 60.000 km da superficie lunar o 4 de marzo ás 22:25 GMT e a unha velocidade de 7230 km/h, enviando datos da radiación ó longo da traxectoria e servindo para adquirir experiencia no seguimento de naves a grandes distancias. A distancia á que pasou da Lúa foi demasiada como para disparar o sensor fotoeléctrico. A nave foi seguida durante 82 horas ata unha distancia de 655.000 km. Chegou ao perihelio o 18 de marzo ás 1:00 GMT e segue en órbita solar.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Pioneer 4 na web do JPL
Categoría:Satélites artificiais