O cerco de Baler foi un cerco ao que foi sometido un destacamento español por parte dos insurrectos filipinos na igrexa da vila de Baler, na illa filipina de Luzón, durante 337 días, entre o 30 de xuño de 1898 e o 2 de xuño de 1899.http://www.philstar.com/opinion/70895/6th-philippine-spanish-friendship-day Desde decembro de 1898, coa sinatura do Tratado de París entre España e os Estados Unidos, púñase fin formalmente á guerra entre ámbolos dous países (que asinaran un cesamento do fogo en agosto) e España cedía a soberanía sobre Filipinas aos Estados Unidos de América. Debido a isto, os asediados en Baler son coñecidos como «os últimos de Filipinas».

En 1896 a sociedade secreta filipina Katipunan iniciou unha insurrección contra o goberno colonial español, pero a finais de 1897, co Pacto de Biak-na-Bató, chegouse á aparente resolución do conflito. Como parte do pacto, Emilio Aguinaldo e outros líderes da revolución exiliáronse en Hong Kong. Nese clima de aparente paz, o goberno español reduciu o número de efectivos destinados nalgunhas das súas guarnicións. A principios de 1898, os 400 homes do destacamento de Baler foron relevados por outro de 50 soldados. O 15 de febreiro, en Cuba, o afundimento do USS Maine serviu de casus belli para o inicio da Guerra hispano-estadounidense. Trala derrota da frota española pola estadounidense en Cavite o 1 de maio, Aguinaldo e os seus, financiados e armados polos Estados Unidos, volveron a Filipinas e reiniciaron a revolución. Ao mes seguinte o destacamento de Baler, descoñecedor do estoupido da guerra cos Estados Unidos e da recentemente proclamada independencia de Filipinas, foi atacado polos revolucionarios filipinos e refuxiouse na igrexa, comezando así o cerco.

Desde o principio do asedio, as forzas atacantes intentaron en balde a rendición das tropas españolas mediante o envío de noticias, que os informaban do desenvolvemento do conflito entre os españois cos insurrectos filipinos e os invasores estadounidenses. Trala caída de Manila en mans americanas, en agosto, as autoridades españolas mandaron repetidamente misivas e enviados para lograr a súa rendición, igualmente sen conseguilo. Os atacantes tamén enviaron en agosto a dous franciscanos españois que tiñan prisioneiros para que convenceran aos sitiados, sen éxito. Estes, porén, quedaron co destacamento español durante o resto do asedio.

O Tratado de París, que deu por finalizada a guerra entre España e Estados Unidos, asinouse en decembro de 1898, entrando en vigor en abril do ano seguinte. No mesmo e como parte das condicións impostas, España cedía a soberanía sobre Filipinas aos Estados Unidos. En febreiro de 1899 os filipinos, enganados e atacados polos estadounidenses aos que crían aliados, decidiron resistir polas armas, empezando unha nova fase do conflito: a guerra filipino-estadounidense, da que os españois eran xa só espectadores, mentres as últimas tropas eran repatriadas a España. Novos emisarios españois fracasaron no intento de convencer aos sitiados de que depuxeran as armas e volveran a Manila. En abril, as autoridades militares estadounidenses enviaron, a petición española, unha canoneira para liberar o destacamento de Baler, mais as tropas desembarcadas caeron en mans dos filipinos, sen lograr o seu propósito.

A finais de maio, un novo enviado español, o tenente coronel Aguilar, chegou a Baler por orde do gobernador xeral español, con ordes de que os sitiados depuxeran a súa resistencia e o acompañaran a Manila, pero estes volveron a desconfiar e tivo que marchar sen conseguir o seu obxectivo. Porén, ao ollar os sitiados uns xornais deixados na igrexa por Aguilar, descubriron unha noticia que non puidera ser inventada polos filipinos, convencéndose finalmente de que España xa non ostentaba a soberanía de Filipinas e de que non tiña sentido seguir a resistir na igrexa. O 2 de xuño de 1899, o destacamento español de Baler rendeuse dando fin a 337 días de cerco.

As autoridades filipinas aceptaron unhas condicións honrosas de capitulación e permitiron o seu paso, sen consideralos prisioneiros, ata Manila, co presidente filipino Aguinaldo emitindo un decreto no que exaltaba o seu valor. Tras un recibimento con honras na capital filipina, os superviventes foron repatriados a España.

Antecedentes Dominio español de Filipinas

miniatura|250px|Estatua de Legazpi en Cebú (Filipinas). As Filipinas foron descubertas polos occidentais durante a expedición Magalhães-Elcano. En 1521, Magalhães arribou ás illas Filipinas ao mando dunha expedición española, resultando morto nun enfrontamento cos naturais de Mactán, unha pequena illa pertencente na actualidade á provincia de Cebú. Foi Juan Sebastián Elcano o responsable de finalizar a que sería a primeira volta ao mundo. Porén, a colonización occidental non comezou ata 1565, cando unha expedición comisionada polo rei de España, Filipe II, partida de Nova España e ao mando de Andrés de Urdaneta e Miguel López de Legazpi, capturou Cebú e tomou posesión do arquipélago en nome de España. A presenza española circunscribíase, fundamentalmente, ás zonas costeiras, escapando ao control efectivo da potencia colonial a maior parte do territorio do arquipélago. Filipinas nunca foi colonizada en sentido de establecemento de poboación metropolitana. O número de españois (ata a independencia hispanoamericana principalmente novohispanos) sempre foi moi reducido, e a maior parte da poboación seguiu sendo exclusivamente indíxena (se ben composta por etnias moi diversas) con achega de inmigrantes fundamentalmente chineses. A mestizaxe foi escasa, pero debido fundamentalmente á penuria da poboación metropolitana (a mediados do século XIX, a poboación española era de tres mil a catro mil persoas; a finais de século había entre 12 000 e 14 000 peninsulares, ante todo funcionarios). A poboación malaia que habitaba as terras baixas das illas principais, o groso da poboación filipina, á que pertencían os tagalos, fora intensamente cristianizada.

Durante o século XIX producírase unha transformación notable da sociedade e economías filipinas, ao tempo que se acentuara o abandono por parte da metrópole. Dita transformación, ligada á agricultura de exportación e á liberalización do comercio, co nacemento dunha incipiente burguesía autóctona, contrastaba co inmobilismo da vida política da colonia, dependente tanto da administración española como do inmenso poder das ordes regulares, os «frades». Isto comezou a cambiar na década de 1880, cando o goberno metropolitano intentou «recolonizar» economicamente Filipinas, con iniciativas como a abolición do estanco de tabaco (1881), coa creación da Compañía General de Tabacos de Filipinas, a Exposición Filipina de Madrid (1887) ou a instauración dun arancel proteccionista (1891). Porén, a intelectualidade filipina empezaba a reclamar a instauración de reformas, certamente limitadas, como ser considerada unha provincia española ou que os filipinos gozasen dos mesmos dereitos e liberdades que os españois.

Ante estas reivindicacións, o goberno español mostrouse incapaz de encontrar unha solución política, reprimindo militarmente o motín de Cavite de 1872 ou, unha vez que comezara a Revolución Filipina, en 1896, executando ao líder nacionalista filipino José Rizal. Foi o bloqueo da solución reformista ou autonomista a que abriu paso a outra independentista e revolucionaria, encarnada polo Katipunan, unha sociedade secreta fundada por Andrés Bonifacio en 1892 que, ademais da compoñente revolucionaria, mostraba un acusado anticlericalismo, froito da preeminencia que as ordes regulares, tiveran na administración e a vida económica da colonia.

A Revolución Filipina miniatura|170px|esquerda|Emilio Aguinaldo, líder da revolución filipina e primeiro presidente da República de Filipinas.

A transformación da sociedade filipina e a reivindicación de reformas deron lugar a diversas revoltas contra o dominio colonial español. Todas foron sufocadas polas autoridades españolas. A denominada Revolución Filipina, que grazas á intervención estadounidense foi a que terminou expulsando aos españois das illas, comezou o 26 de agosto de 1896 co que se coñece como «Grito de Balintawak». Ese día, un grupo de «katipuneros» dirixido por Andrés Bonifacio alzouse contra as autoridades españolas nas inmediacións da localidade de Caloocan, nos suburbios de Manila. Aínda que o levantamento foi inmediatamente sufocado, en días posteriores sucedéronse as escaramuzas entre katipuneros e tropas españolas noutros suburbios de Manila, como San Juan del Monte, que non tiveron éxito. Porén, a sublevación si consolidouse na provincia de Cavite, no sueste da baía de Manila, comandada por Emilio Aguinaldo, capitán municipal (alcalde) de Cavite el Viejo, que logo sería o presidente da efémera Filipinas independente antes da súa captura polos estadounidenses. O arsenal de Cavite seguiu en mans dos españois. Por outra banda, nos meses iniciais da insurrección, esta circunscribiuse aos territorios máis achegados a Manila. O distrito de El Príncipe, na Contra Costa, permaneceu tranquilo.

No momento do Grito de Balintawak, había no arquipélago uns 13 000 soldados do Exército español, dos que 9 000 eran filipinos. A consolidación da insurrección en Cavite fixo que o goberno español reforzase os efectivos presentes na illa enviando 25 000 soldados máis, ao mando do xeral Polavieja, que foi nomeado Gobernador Xeral de Filipinas á súa chegada a Filipinas o 3 de decembro. Coas tropas traídas da península, Polavieja lanzou unha ofensiva contra os sublevados, utilizando unha política represiva en contra dos nacionalistas filipinos, con consellos de guerra e execucións (como o episodio dos Trece Mártires de Cavite). Neste marco, ordenou a execución de José Rizal, o 30 de decembro, o cal, aínda oposto ao dominio español, condenara a insurrección polo seu carácter popular e campesiño. A política de Polavieja tivo éxito no seu propósito de sufocar a sublevación en Cavite, provincia practicamente pacificada en marzo de 1897. Cara xullo, Aguinaldo, cercado no seu cuartel xeral de Talisay, foi capaz de rodear Manila con quiñentos dos seus partidarios e refuxiarse na zona montañosa de Bulacán coñecida como Biak-na-Bató, co que a insurrección estendeuse polas provincias do centro de Luzón (Nueva Écija, Tarlac, Bulacán, Pampanga). A guerra acercouse así moito a El Príncipe, só separado de Nueva Écija pola Sierra Madre. Mentres tanto, Polavieja fora substituído en abril como gobernador xeral polo xeral Fernando Primo de Rivera. miniatura|250px|dereita|Insurrectos filipinos en 1899. Durante o verán comezaron os contactos secretos entre Aguinaldo e Fernando Primo de Rivera. Aguinaldo encontrábase asediado en Biak-na-Bató e sen perspectivas de derrotar aos españois, en tanto que o goberno español buscaba un acordo que puxera fin á rebelión, vista a preocupante situación en Cuba e a non menos preocupante actitude estadounidense.

Baler