A trilladeira mediterránea (Microtus duodecimcostatus) é unha especie de roedor miomorfo da familia Cricetidae.
Taxonomía Anteriormente integrábase, canda outras especies do xénero Microtus, no xénero Pitymys (considerado actualmente como subxénero). Esta distinción baseábase en razóns bioxeográficas, ao ter evolucionado a partir de especies que ocupaban áreas meridionais de Eurasia e Norteamérica, mentres o resto das especies de Microtus teñen unha orixe máis boreal.
Características É un arvicolino de pequeno tamaño, aínda que algo máis robusto que a corta dos prados (Microtus lusitanicus). Ten hábitos subterráneos, que se fan patentes, na redución dos ollos, as orellas e na presenza de pelos curtos e flexibles. A pelaxe é dun ton pardo amarelento, aínda que varía segundo a área de distribución; é característico desta especie a aparición nos flancos dunha banda ocre moi marcada que fai evidente a separación entre o dorso e o ventre.
Distribución É unha especie tipicamente ibérica, aínda que tamén aparece en áreas do sueste de Francia. Ocupa a maior parte da Península Ibérica, excepto a porción noroccidental, gran parte da Cornixa Cantábrica e algunhas áreas do Pireneo Oriental. A súa distribución e a de Microtus lusitanicus solápanse nunha ampla área desde Zamora até o norte de Navarra.
Hábitat É unha especie de espazos abertos e con influencia mediterránea, tanto naturais como agrícolas, condicionado á existencia de solos estables, húmidos, fáciles de escavar e con abundante cobertura herbácea. Localízase desde o nivel do mar até os 3.000 metros de altitude en Serra Nevada.
Aínda que non experimenta explosións demografícas periódicas, pode alcanzar densidades moi altas en condicións favorables.
Depredación Os seus hábitos subterráneos constitúen unha estratexia defensiva bastante eficaz, aínda que é unha das presas máis habituais da curuxa común (Tyto alba), que captura sobre todo exemplares xuvenís e subadultos en dispersión.
Véxase tamén
Ligazóns externas Microtus (Terricola) duodecimcostatus, en Don E. Wilson & DeeAnn M. Reeder (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed), Johns Hopkins University Press. Microtus duodecimcostatus no Atlas de mamíferos terrestres do Ministerio de Medio Ambiente (MMA). Arquivo en pdf. Amori, G. 1996. Microtus duodecimcostatus. 2016 IUCN Red List of Threatened Species. Consultado o 1 de marzo de 2022.
Categoría:Roedores