Xermana de Foix, nada en Foix (Francia) no 1488 e finada en Llíria (reino de Valencia) 15 de outubro de 1536, foi esposa de Fernando II de Aragón, raíña consorte de Aragón (1505–1516) e vicerraíña de Valencia (1523–1536). Era filla de Xoán de Foix (conde de Etampes e vizconde de Narbona) e de María de Orleáns, irmá de Lois XII de Francia.
Matrimonio O 19 de outubro de 1505, aos 18 anos de idade, casou por poderes con Fernando II de Aragón, de 53 anos, viúvo de Isabel a Católica desde había case un ano, a través do II Tratado de Blois, celebrándose as velacións de devandito matrimonio na localidade palentina de Dueñas o 18 de marzo de 1506 no palacio dos condes de Buendía, propiedade do seu primo Xoán de Acuña, III conde de Buendía.
A voda celebrouse en cumprimento dos acordos de paz asinados entre Lois XII de Francia e Fernando o Católico no Tratado de Blois. Nos pactos, o rei de Francia cedeu á súa sobriña os dereitos dinásticos do Reino de Nápoles e concedeulle o título de rei de Xerusalén, dereitos que retornarían a Francia no caso de que o matrimonio non tivese descendencia. A cambio do cal o Rei Católico comprometeuse a nomear herdeiro ao posible fillo do matrimonio. O matrimonio levantou as iras dos nobres de Castela, xa que o viron como unha manobra de Fernando o Católico para impedir que Filipe o Fermoso e Xoana herdasen a Coroa de Aragón.
O 3 de maio de 1509 nace en Valladolid o único fillo da parella, Xoán de Aragón e Foix, o que supuña a separación dos reinos de Castela e Aragón, pero morreu ás poucas horas de nacer.
O 23 de xaneiro de 1516 morre o seu esposo, Fernando o Católico, tras dous anos con problemas de saúde, por tomar, segundo se dicía, unhas herbas coa esperanza de lograr sucesión de Xermana. Fernando deixou en testamento a Xermana unhas rendas anuais de máis de 50.000 floríns, un usufruto de viuvez que quedaría anulado en caso de contraer matrimonio. Na última carta ao seu neto Carlos, Fernando o Católico encoméndalle que non abandone a súa viúva, «pois non queda, despois de Deus, outro remedio senón só vos...» e encarécelle que lle sexan satisfeitas as rendas que lle foron asignadas. Ao enviuvar, Xermana trasládase a Castela.
Á súa chegada a España en 1517, Carlos I, con 17 anos, coñeceu a súa avoastra, Xermana de Foix, de 29 anos, unha muller discreta e afectuosa que aínda non padecía os problemas de obesidade que tivo máis tarde. Na primeira entrevista mantida coa viúva en Valladolid mostrouse moi afable con ela e comezou a organizar torneos e banquetes na súa honra. Pronto xurdiu entre os dous unha apaixonada relación amorosa, segundo Fernández Álvarez, da que naceu unha filla, Isabel, e aínda que nunca foi recoñecida oficialmente, Xermana de Foix refírese a ela no seu testamento como a «infanta Isabel» —título que non lle podía corresponder— e ao seu pai como «o emperador». A nena residiu e foi educada na Corte de Castela.
En 1519 Xermana de Foix, acompaña a Carlos I de España e á irmá deste, Leonor, a Zaragoza e Barcelona para celebrar Cortes e ser xurado como rei. Alí decidiuse, para lavar a imaxe do futuro emperador ante a opinión pública, o casamento de Xermana de Foix con Xoán de Brandenburgo-Ansbach, do séquito persoal de Carlos I, pondo así fin aos amores co seu avoastra. Carlos I nomeouna vicerraíña e lugartenente xeral de Valencia e ao marqués de Brandeburgo, capitán xeneral do reino.
Pero Xermana quedou pronto viúva e o emperador ordenou un novo matrimonio con Fernando de Aragón, duque de Calabria. Carlos I nomeou o matrimonio vicerreis e lugartenentes xerais de Valencia, desde onde exerceron un goberno autoritario e represor. Houberon de facer fronte ao bandolerismo e as loitas internas, á pirataría exercida desde o norte de África, ao endebedamento dos nobres e á rebelión dos mouriscos. Durante o seu mandato impulsou unha feroz persecución contra os axermanados, cuxos bens foron confiscados, e emprendeu un proceso de refeudalización. Contou coa axuda dos nobres para esta causa, que loitaban contra o envío dun memorial con reivindicacións antinobiliarias por parte da chamada Xunta do Trece.
Morte Xermana de Foix morreu en Llíria, aos 48 anos de idade. O testamento fíxoo conxuntamente co seu esposo, e nel deixábanse os bens un a outro en vida, pero á morte de ambos debían pasar á Orde dos Xerónimos. Para cumprir a vontade da súa viúva, o duque de Calabria promoveu a construción do mosteiro de San Miguel dos Reis, en Valencia, cuxas obras comezaron en 1548 e prolongáronse durante os séculos XVII e XVIII.
Nunha masía do termo municipal de Liria, denominada «o Espinar», e que foi propiedade dos xerónimos, consérvase a reprodución exacta da lápida orixinal que recolle o falecemento e o traslado dos restos mortais de Xermana de Foix, nela reza:
Notas
Véxase tamén Bibliografía De la Fuente, Mercedes (2009). Valencianas célebres y no tanto. (S. XIII-XXI). Valencia: Generalitat Valenciana-Conselleria de Benestar Social, pp. 59– 64. Segura Graíño, Cristina (2009). Diccionario de Mujeres en la Historia. Madrid: Editorial Espasa Calpe.
Outros artigos Isabel I de Castela Fernando II de Aragón
Categoría:Finados en 1536 Categoría:Nados en 1488 Categoría:Nobres de Francia Categoría:Nados no departamento de Ariège