Hermenegildo Carlos de Brito Capelo, nado en Palmela (Setúbal) o 4 de febreiro de 1841 e finado en Lisboa o 4 de maio de 1917, foi un oficial da Mariña portuguesa, explorador do continente africano durante o último cuarto do século XIX. Participou na célebre travesía entre Angola e a costa do océano Índico.

Traxectoria Hermenegildo Carlos de Brito Capelo naceu na freguesía de Castelo de Palmela, no concello do mesmo nome, no distrito de Setúbal, onde seu pai, o maior Félix Antonio Gomes Capelo, era gobernador. Foi o menor de seis irmáns, tres dos cales tamén se distinguiron: Félix António de Brito Capelo, biólogo (1828-1879); João Carlos de Brito Capelo, vicealmirante da Armada e enxeñeiro hidrográfico (1831-1891) e Guilherme Augusto de Brito Capelo, vicealmirante da Armada e científico (1839-1926).

Alistouse na Armada en 1855, terminando os seus cursos catro anos máis tarde. En 1860 embarcou como gardamariña para Angola a bordo da corveta D. Estefânia, ao mando do príncipe Lois, máis tarde rei, permanecendo durante tres anos na estación naval de África Occidental. En 1863 regresou a Lisboa e, o seguiente ano, foi ascendido a subtenente. Ese ano volveu a África, de onde regresou en 1866 para volver inmediatamente despois a Angola, onde permaneceu até 1869, cando foi a Mozambique, volvendo a Lisboa en 1870, para despois partir en dirección a Cabo Verde. En 1871 foi integrado nunha expedición a Guinea e, en 1872, foi enviado a China, de onde volveu a Lisboa en 1876.

As viaxes de exploración En 1875 Luciano Cordeiro fundou a Sociedade de Geografía de Lisboa, reunindo ao seu redor unha elite intelectual, civil e militar. Aínda que as súas accións non foron dirixidas exclusivamente ao continente africano, nos primeiros anos da súa existencia creou a «Comisión Nacional Portuguesa de Exploración e Civilización de África» (Comissão Nacional Portuguesa de Exploração e Civilização da África), máis coñecida como «Comisión de África» (Comissão de África), que asumiu a función de despertar o interesa da opinión pública polas cuestións de Ultramar, e que preparou as primeiras grandes expedicións de exploración científico-xeográfica, recorrendo ao seu financiamrnto por subscrición nacional, e contribuíndo así á definición dunha política colonial portuguesa en África. Estas expedicións tiñan a intención de facer o recoñecemento do río Cuango e as súas relacións co río Zaire, e tamén para comparar a conca deste río coa do Zambeze, concluíndo así a carta da África centro-austral, o famoso Mapa cor de rosa (no que se representaba a pretensión de Portugal de exercer a súa soberanía sobre os territorios entre Angola e Mozambique, nos que hoxe se sitúan Zambia, Zimbabwe e Malawi).

A pesar do seu papel clave na defensa da posición portuguesa en África, fronte ao movemento expansionista europeo, a Sociedade de Geografia de Lisboa xurdiu tardiamente, no que respecta á creación de sociedades homólogas ás doutros países europeos. Estas expedicións integrábanse nun contexto político marcado por un forte gromo expansionista europeo, nos dominios do continente africano, anticipándose á histórica Conferencia de Berlín, celebrada en 1885. Exploradores de todas as grandes potencias europeas, lanzados nunha verdadeira rivalidade pola prospección de territorios, obrigou a Portugal a revisar urxentemente a súa política colonial e facer efectiva a súa presenza neses lugares, pero as pretensións portuguesas de ocupación do espazo entre Angola e Mozambique chocaron coas pretensións inglesas, que se materializaron na consecuente reclamación desa zona para o Imperio Británico mediante o ultimato británico de 1890 a Portugal.

A primeira viaxe: de Benguela ás Terras de Iaca miniatura|Roberto Ivens (de pé) con Hermenegildo Capelo en Iaca.

O obxectivo

Durante a súa estancia en Angola, Brito Capelo realizou o recoñecemento científico daquela zona, o que lle fixo ser elixido, por Decreto de 11 de maio de 1877, para dirixir unha expedición científica á África Central, da que tamén formaban parte o oficial da mariña Roberto Ivens e o maior do exército Serpa Pinto. De acordo co decreto, foron nomeados «para compoñer e dirixir a expedición que debe explorar, en interese da ciencia e a civilización, os territorios que se encontran entre as provincias de Angola e Mozambique, e estudar as relacións entre as concas do Zaire e do Zambeze, segundo as instrucións que recibiran autorizadas polo meu goberno».Mendes (1982), p. 18 «para comporem e dirigirem a expedição que há-de explorar, no interesse da ciência e da civilização, os territórios compreendidos entre as províncias de Angola e Moçambique, e estudar as relações entre as bacias hidrográficas do Zaire e do Zambeze, segundo as instruções que receberem autorizadas pelo meu Governo.» Baixo os auspicios da Sociedade Geográfica, esta expedición tiña por fin «(...) o estudo do río Cuango nas súas relacións co Zaire e cos territorios portugueses da costa occidental, así como de toda a rexión que comprende ao sur e ao sueste das orixes dos ríos Zambeze e Cunene e se prolonga ao norte, até entrar nas concas dos ríos Kwanza e Kwango...».Mendes (1982), p. 18 «…o estudo do rio Cuango nas suas relações com o Zaire e com os territórios portugueses da costa ocidental, assim como toda a região que compreende ao Sul e a sueste as origens dos rios Zambeze e Cunene e se prolonga ao Norte, até entrar pelas bacias hidrográficas do Cuanza e do Cuango…».

Este obxectivo constituía unha vitoria de José Júlio Rodrigues sobre Luciano Cordeiro, xa que este último loitara por unha travesía de costa a costa, a través da rexión dos Grandes Lagos de África central.

A viaxe

O 7 de xullo de 1877 Brito Capelo, Roberto Ivens e Serpa Pinto comezaron a expedición. Feito o traxecto Benguela-Bié, as diverxencias entre Serpa Pinto e Brito Capelo levan á expedición a dividirse, xa que Serpa Pinto, pola súa propia iniciativa, trataba de lograr a travesía até Mozambique. De feito, Luciano Cordeiro, que xamais se conformara co feito de que a expedición non fuera de costa a costa, chegou a considerar a Serpa Pinto como un irmán que compartía o mesmo soño, xa que Serpa Pinto soñaba desde había moit tempo cunha empresa grandiosa en África.Mendes (1982), pp. 18-23. Desde o comezo da viaxe Serpa Pinto intentou desviar os obxectivos da expedición. Capelo e Ivens rexeitaron o que consideraban como «os desvaríos de Serpa Pinto», acusárono de falsario e participaron na separación.Mendes (1982), p. 25. Serpa Pinto non logrou alcanzar o seu obxectivo, xa que non puido, como era a súa intención declarada, chegar a calquera lugar da costa de Mozambique. Chegou, porén, a Pretoria e, posteriormente, até Durban.

Brito Capelo e Roberto Ivens permaneceron fieis ao proxecto orixinal centrando a súa atención na misión para a que foran nomeados, é dicir, nas relacións entre as concas do Zaire e do Zambeze. Máis tarde explicaron que non tiñan «o dereito a divagar nos sertões, por onde quixeramos, dirixindo o noso itinerario ao leste ou ao norte». Recorreron as rexións de Benguela até ás terras de Iaca, despois de ter delimitado os cursos dos ríos Cubango, Luando e Tohicapa.

O 1 de marzo de 1880, Lisboa recibiu triunfalmente a Brito Capelo e Roberto Ivens, sendo o éxito da expedición perpetuado no libro De Benguela às Terras de Iaca.

A segunda viaxe: de Angola á Contra-Costa

Despois de dar conta da importante rota entre o Bié e o Zambeze, e superadas as cataratas Vitoria, Capelo e Ivens foron animados a continuar coas súas expedicións.

O obxectivo

Dada a necesidade de crear un atlas xeral das colonias portuguesas, Manuel Joaquim Pinheiro Chagas, o entón ministro de Mariña e de Ultramar, creou por decreto do 19 de abril de 1883 a Comisión de Cartografía, para a que designou como membros aos dous exploradores. Por outro lado, coa intención de configurar unha rota comercial que unise Angola e Mozambique, nomeounos o 5 de novembro do mesmo ano para facer os recoñecementos e exploracións necesarios. A elección de dous oficiais navais para lograr esta importante misión, relaciónase co feito de que se referían a territorios descoñecidos, non cartografados, nos que era necesario avanzar, usando os principios da navegación marítima, tan familiares a estes exploradores.

A viaxe

Entre 1884 e 1885, Capelo e Ivens realizaron unha nova exploración en África, primeiro entre a costa e a meseta de Huila e logo a través do interior até Quelimane, en Mozambique. Despois continuaron os seus estudos hidrográficos, efectuando non só rexistros xeográficos e naturais, senón tamén de carácter etnográfico e lingüístico. Ademais de estableceren a desexada conexión por terra entre as costas de Angola e Mozambique, exploraron as vastas rexións interiores situadas entre estes dous territorios, e describírona nun libro en dous volumes: De Angola à Contra-Costa. Partindo para esta misión o 6 de xaneiro de 1884, regresaron o 20 de setembro de 1885 e foron recibidos triunfalmente polo rei Lois.

Outras misións e cargos Ouras misións Posteriormente, Brito Capelo foi nomeado para outras misións, como a de vicepresidente do Instituto Ultramarino, do que foi a primeira presidenta a raíña dona Amelia. Formaron parte da súa primeira dirección figuras eminentes da historia de Portugal, como Roberto Ivens, Andrade Corvo, Luciano Cordeiro, Pinheiro Chagas, António Enes e Oliveira Martins, o que revela tamén a importancia que as autoridades do goberno da época querían dar a esta obra social.

Outros cargos

Hermenegildo Capelo foi axudante de campo dos reis Lois I e Carlos I e xefe da casa militar do rei Manuel II, ministro plenipotenciario de Portugal ante o sultán de Zanzíbar, organizador dun mapa xeográfico da provincia de Angola, delegado do Goberno no Congreso de Bruxelas e presidente da Comisión de Cartografía.Capelo foi ascendido ao grao de contraalmirante o 17 de maio de 1902 e a vicealmirante o 18 de xaneiro de 1906. Moi dedicado ao rei Manuel II, acompañouno ao partir ao exilio o 5 de outubro de 1910. O 24 dese mes, ao solicitar a renuncia, terminou a súa carreira militar.

Principais publicacións Capello, Hermenegildo Carlos de Brito e Roberto Ivens (1881): De Benguela às Terras de Iaca: descrição de uma viagem na Africa Central e Ocidental. Lisboa: Imprensa Nacional. Capello, Hermenegildo Carlos de Brito e Roberto Ivens (1886): De Angola á contra-costa: descripção de uma viagem atravez do continente africano. Lisboa: Imprensa Nacional.

Recoñecementos miniatura|Placa conmemorativa colocada na casa na que naceu, en Palmela. Ao longo da súa carreira, Hermenegildo Capelo recibiu, entre outras, as seguintes distincións:

Cabaleiro gran cruz da Orde de Santiago da Espada. Cabaleiro gran cruz da Orde de Avis. Gran colar da Orde da Torre e a Espada. Gran cruz da Lexión de Honor de Francia. Cabaleiro gran cruz da Real Orde Vitoriana de Gran Bretaña e Irlanda. Gran cruz da Orde do Mérito Naval de España. Cabaleiro gran cruz da Orde de Santo Estanislau de Rusia. Gran cruz da Orde da Estrela Negra de Alemaña.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Sociedade de Geografia de Lisboa (1887): Regresso dos benemeritos exploradores Capello e Ivens da sua exploração geographica através da Africa em 1885: principaes documentos expedidos e recebidos na Sociedade de Geographia de Lisboa. Lisboa: Imprensa Nacional Mendes, H. Gabriel (1962): "As origens da Comissão de Cartografia e a acção determinante de José Júlio Rodrigues, Luciano Cordeiro e Francisco António de Brito Limpo: a história política das explorações africanas de Hermenegildo Capelo, Roberto Ivens e Serpa Pinto" . Separata da Revista do Instituto Geográfico e Cadastral, nº 2, pp. 29 a 70. Lisboa: Junta de Investigações Científicas do Ultramar. "Brito Capelo, Hermenegildo". Na Grande Enciclopédia Portuguesa e Brasileira. Editorial Enciclopédia. volume 5, pp. 803–804.

Ligazóns externas Portal História da Marinha. Cte. Hermenegildo Capelo