O obxectivismo é un sistema filosófico desenvolvido pola escritora e filósofa ruso-estadounidense Ayn Rand (pseudónimo de Alisa Zinóvievna Rosenbaum; San Petersburgo, 1905 - Nova York, 1982). Presenta posicións propias en metafísica, epistemoloxía, ética, política e estética.

O obxectivismo sostén que existe unha realidade independente da mente do ser humano, que este está en contacto con esa realidade a través da percepción dos sentidos e que adquire coñecemento procesando os datos desa percepción por medio da razón (ou a «identificación non-contraditoria»). O obxectivismo sostén que a realidade (natureza das cousas) só se domina obedecéndoa, que o propósito moral da vida é a busca da propia felicidade ou o «interese propio racional», que o único sistema social conforme con este fin é o capitalismo puro (chamado tamén capitalismo laissez-faire) e que o rol da arte na vida humana é a transformación das ideas metafísicas nunha forma física (obra de arte) que se poida comprender e á que se poida responder emocionalmente.

Rand presenta a súa filosofía como unha «para vivir na Terra», enraizada na realidade e orientada ó alcance do coñecemento do mundo natural, para o cal se rexeita a relixión e se busca unha interacción harmoniosa e mutuamente beneficiosa entre os seres humanos. Aínda que pouco coñecido, o obxectivismo é unha influencia filosófica importante no pensamento moderno, á vez que controvertido.

A esencia do obxectivismo

Ayn Rand definiu o obxectivismo como unha filosofía «para vivir na Terra».

Pouco antes da publicación de Atlas Shrugged, pedíuselle a Rand que resumira o obxectivismo nunhas poucas palabras. A súa resposta foi:

Metafísica: realidade obxectiva

Os principios fundamentais da metafísica obxectivista son: Primacía da existencia. Establece que a realidade existe independentemente da conciencia humana. Lei de identidade. Establece que todo o que existe ten unha natureza fixa e finita (o «A é igual a A» aristotélico). O axioma da existencia da consciencia. Establece que un é consciente. Lei de causalidade. Corolario da lei de identidade, que establece que as cousas se comportan de acordo coa súa natureza.

De acordo co obxectivismo, estas proposicións son axiomáticas, isto é, evidentes por si mesmas e calquera argumento na súa contra tería que supoñer a súa verdade.

Epistemoloxía: razón O todo é maior que as súas partes.

Os seres humanos individuais fanse conscientes da realidade a través dos seus sentidos. Non hai, pois, «racionalidade colectiva». A razón é o único modo de conseguir coñecemento («as emocións non son instrumentos cognitivos»).

Ética: egoísmo «racional»

Ver: egoísmo racional

Ayn Rand propugnaba o egoísmo racional, isto é, a autoestima baseada en valores obxectivos e que, por tanto, nunca tivese sequera a pretensión de violentar de ningún modo a vida ou a liberdade dos demais. Ás veces acusouse a Ayn Rand de plaxiar o concepto de vontade de poder de Nietzsche, o cal é erróneo posto que a autora define a «vontade de poder» como un egoísmo «irracional», posto que supón a imposición da propia vontade ós demais.

Ayn Rand condenaba inequivocamente o egoísmo irracional de entregarse ós propios caprichos irracionais. Chamaba a esta actitude «whim-worshipping» (adoración do capricho), e ós seus practicantes dáballes o gráfico nome de «egoístas sen ego».

Política: capitalismo

Segundo Ayn Rand, o capitalismo puro é o sistema económico máis produtivo que existe e o que xerou maior benestar. Pero, dicía, este non debe ser o motivo principal para defendelo. Segundo Ayn Rand o capitalismo debe ser defendido prioritariamente en termos morais, non prácticos. E o principio desta moral sería o respecto á liberdade de todos os individuos, que se relacionan e cooperan de forma voluntaria e non imposta.

Segundo ela, o único sistema social moral é o do puro capitalismo «laissez-faire», cun goberno estritamente limitado a xestionar as institucións destinadas a impedir ou castigar o inicio de violencia por parte duns seres humanos sobre outros, isto é: Sistema Xudicial, Policía e Exército.

Estética

miniatura|Tapa dunha monografía de 2.500 palabras da femme fatale polaca Pola Negri, publicada en 1925..

O obxectivismo sostén que a arte é ó espírito do home o que a tecnoloxía é á súa vida material, e, por conseguinte, a arte debe mostrarlle ó home «como podería e debería ser».

As teorías estéticas obxectivistas plásmanse nunha escola artística chamada realismo romántico, que tende a plasmar seres humanos en situacións de alegría e triunfo.

O obxectivismo considera que a práctica totalidade da arte moderna non é tal arte, e que a súa orixe está na corrupción filosófica pretendidamente introducida por Kant na filosofía occidental.

Conceptos obxectivistas a contracorrente

Algúns conceptos obxectivistas resultan chocantes e requiren un pouco de explicación.

O egoísmo é unha virtude Para o obxectivismo, o egoísmo racional é unha virtude e calquera forma de altruísmo é inmoral, xa que non hai ningún motivo racional para poñer as necesidades dos demais por diante das necesidades racionais propias. Para Ayn Rand, o egoísmo é unha autoestima baseada na razón e na reflexión. O altruísmo, pola contra, é descrito por ela (adheríndose á definición orixinal de Auguste Comte) como unha filosofía segundo a cal un individuo non debe vivir para si mesmo, senón para outro. Ela vía isto como un atentado contra a autoestima e diferenciouno claramente da xenerosidade, a amabilidade e a compaixón que unha persoa pode sentir cara a outras sen deixar de quererse a si mesma.

Ós egoístas irracionais (por exemplo ós nietzscheanos), Ayn Rand chamábaos «egoístas sen ego», reivindicando así que o ego consciente é simplemente a razón, non os caprichos emocionais.

O orgullo é unha virtude Para o obxectivismo, o orgullo racional é a coroa de todas as demais virtudes. Se un se esforza en levar unha vida racional e produtiva, un gaña o dereito de ser orgulloso dos valores morais e materiais que se obteñan.

Non obstante, o obxectivismo condena inequivocamente os orgullos irracionais: o orgullo de ser de determinado país, de pertencer a unha ou outra raza ou tribo, de ter grandes riquezas herdadas, de pertencer a unha familia con títulos nobiliarios... En ningún destes casos o individuo fixo algo para gañar o dereito a estar orgulloso.

A humildade é un vicio Inversamente, a humildade (entendida como a baixa autoestima) é un vicio, xa que o humilde considérase a si mesmo como de pouco valor e non mellor que os demais. Para o obxectivismo, encontrarse neste estado e consideralo como algo bo mata calquera tipo de ambición moral no individuo.

Se un individuo está neste estado, tras unha avaliación sincera dun mesmo, o que un debe facer é loitar por mellorarse a si mesmo para así poder gañar o dereito a estar orgulloso. Se un individuo é humilde a pesar de ter virtudes, é dicir, se o individuo elixe non apreciar as propias virtudes por temor a ser cualificado de orgulloso, o obxectivismo sostén que ese individuo está en guerra consigo mesmo e coa realidade.

O extremismo é bo Para o obxectivismo, os cultos ó «termo medio», ó compromiso e ó consenso son sintomáticos de inseguridade nos propios valores e nas propias decisións, consecuencia inevitable da filosofía de Platón e Kant e dos seus derivados, que sosteñen que o coñecemento seguro sobre o mundo é inalcanzable. É por isto que, para o obxectivismo, o extremismo é considerado como algo «bo».

O obxectivismo sostén que, se partindo de premisas correctas e seguindo unha epistemoloxía correcta un identifica algo como bo, o moral é levalo ata as súas últimas consecuencias.

O sacrificio persoal sempre é inmoral Un non debe sacrificarse nunca, baixo ningunha circunstancia.

Os actos encomiables ós que se denomina «sacrificios» non son tales. Por exemplo, un home arrisca a súa vida por salvar a da súa muller ou as dos seus fillos e perde a súa. Este home non se está «sacrificando», xa que a súa vida sen esas persoas carecería de valor, polo que está facendo simplemente unha transacción ou intercambio racional, baseándose en algo que este home coñece e sabe que valora. Se ese home arriscase a súa vida por salvar a descoñecidos, estaría cometendo un acto gravemente inmoral.

Igualmente, os obreiros dunha fábrica non se «sacrifican» nunca traballando para o seu empresario, xa que o soldo que cobran recompensa o seu traballo. Se o soldo lles parece insuficiente, son libres de marchar e buscar un traballo mellor pagado.

Non existen os dereitos positivos O obxectivismo sostén que os dereitos positivos (dereito ó traballo, á vivenda, á atención sanitaria...) son loxicamente contraditorios na súa soa enunciación, unha contradictio in terminis, xa que xerarían obrigas que destruirían os dereitos negativos (os únicos que hai) de terceiros.

Por exemplo, se un individuo ten dereito ó traballo ou á atención sanitaria, outros individuos terán a obriga de contratar a ese individuo e sufragar os gastos que a súa atención sanitaria xere, o cal suporía a destrución dos dereitos de propiedade e liberdade de terceiros. Os obxectivistas afirman: «Os mal chamados dereitos positivos suporían un dereito a escravizar os demais, e non existe o dereito a escravizar».

De acordo con este argumento, só existirían dereitos negativos, isto é, dereitos a non sufrir interferencias na propia vida, mentres un non interfira nos dereitos dos demais. Estes son os dereitos recollidos na Constitución dos Estados Unidos de América: vida, liberdade e a busca da felicidade.

Vida. Dereito a non sufrir dano corporal por parte doutras persoas. Propiedade. Extensión do dereito á vida, xa que sen propiedade é imposible vivir. Ademais, a propiedade lexitimamente adquirida é unha extensión da propia vida, xa que un debe dedicarse a adquirila. Ó expropiar ou roubar a alguén estase, literalmente, roubándolle parte da súa vida. Busca da felicidade. O obxectivismo defende que cada individuo ha de ser libre para facer co seu tempo o que desexe, aínda que sexa prexudicial para o seu corpo ou o seu espírito, sempre que non viole os dereitos dos demais. Coherentemente, o obxectivismo defende o dereito entre adultos a comerciar e consumir libremente drogas ou pornografía, xa que «a liberdade inclúe tamén a liberdade de facer cousas erróneas».

Razón do nome «obxectivismo»

O obxectivismo deriva o seu nome do concepto do coñecemento e dos valores como «obxectivos», en vez de intrínsecos ou subxectivos. De acordo con Ayn Rand, nin os conceptos nin os valores son «intrínsecos» á realidade externa, pero tampouco son soamente «subxectivos» (con «subxectivo» Ayn Rand quería dicir ‘arbitrarios’ ou ‘creados polos sentimentos, desexos, intuicións ou caprichos’). Antes ben, os valores e conceptos debidamente formados son obxectivos no sentido de que están «determinados pola natureza da realidade, pero han de ser descubertos pola mente do home». Un non pode cambiar a realidade simplemente desexando que sexa diferente. O home debe interactuar coa realidade comprendéndoa, asumindo as limitacións propias e interactuando con ela de acordo coa propia capacidade para realizar cambios materiais consistentes cos desexos racionais propios. De acordo co obxectivismo, un subxectivista considerará os valores como arbitrarios, e un «intrinsicista» consideraríaos como algo non relacionado cos seres humanos.

«Obxectivismo» foi en realidade unha segunda elección como nome para a súa filosofía. Rand afirmou que «existencialismo» era en realidade un nome máis apropiado, xa que o axioma máis básico da filosofía é a afirmación «a existencia existe». Non obstante, Jean Paul Sartre «corrompeu», nas súas propias palabras, o significado do termo «existencialismo».

Relacións do obxectivismo con outras filosofías