Teodor Romzha (en ; en ), nado o 14 de abril de 1911 en Velykyi Bychkiv (Austria-Hungría) e finado o 31 de outubro de 1947 en Uzhhorod (R.S.S. de Ucraína), foi un eclesiástico grecocatólico ruteno, administrador apostólico de Mukacheve, asasinado polo NKVD en 1947 e beatificado en 2001.

Traxectoria Primeiros anos Romzha foi o noveno fillo de Pavel Romzha e Mariia Semak, pais dunha familia modesta e profundamente cristiá. Naceu na vila de Nadbohcko (hoxe Velykyi Bychkiv) o 14 de abril de 1911. Logo de rematar a educación básica na súa vila natal, continuou os seus estudos en Khust, graduándose con excelentes cualificacións en 1930; amais de húngaro e ucraíno, aprendeu checo, latín, francés e ruso. No mesmo ano, coa aprobación do bispo de Mukacheve Petro Gebei foi enviado ao Colexio Xermánico-Húngaro, mais antes de finalizar o curso alí trasladouse en 1934 ao Pontificio Colexio Ruso. En 1937 graduouse magna cum laude en Filosofía e Teoloxía pola Pontificia Universidade Gregoriana.

Sacerdocio Recibiu a ordenación diaconal en 1935, e foi ordenado sacerdote o 24 de decembro de 1936 polo bispo ordenante para o rito bizantino Aleksandr Evreinov, continuando os seus estudos de seguido na Gregoriana. En 1937 volveu ao seu país para cumprir co servizo militar obrigatorio dun ano, na escola de oficiais de Praga; posteriormente foi nomeado administrador dunha parroquia na vila de Berezovo, e en 1939 profesor de filosofía no Seminario Teolóxico de Uzhhorod.

Episcopado O 8 de setembro de 1944 foi nomeado administrador apostólico de Mukacheve. Recibiu a consagración episcopal o 24 de setembro, de mans do bispo de Hajdúdorog Miklós Dudás, na catedral de Uzhhorod. A ocupación de Ucraína Occidental polos soviéticos veu seguida dunha dramática perda de sacerdotes, e Romzha comezou a trasladar ao clero que lle restaba a necesidade de prepararse para o martirio. O seu rexeitamento a unirse á Igrexa ortodoxa foi a súa sentenza de morte.

O 27 de outubro de 1947 recibiu unha malleira de soldados soviéticos, e posteriormente foi hospitalizado en Uzhhorod. Na noite do 31 de outubro foi asasinado por envelenamento cunha inxección de curare que o NKVD proporcionou a unha enfermeira, axente do goberno. Segundo as investigacións levadas a cabo por Evgeniia Albats, o seu asasinato foi ordenado persoalmente por Khrushchev.

Culto Romzha foi beatificado como mártir polo papa Xoán Paulo II o 27 de xuño de 2001 en Lviv. A súa festa celébrase o 31 de outubro.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1911 Categoría:Nados na rexión de Transcarpacia Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina rutena Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Finados en 1947 Categoría:Beatos do catolicismo Categoría:Asasinados polo réxime soviético Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade Gregoriana Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Alumnos do Pontificio Colexio Ruso