Manuel Lastres Abente, nado en Vigo o 5 de maio de 1903 e finado en Málaga o 2 de xaneiro de 1984, foi un médico e político galego.
Traxectoria Fillo do cirurxián José Lastres García. Trasladouse cos seus pais e irmáns a Vilaboa (Culleredo). Casou en Almeiras con Elisa Pardo Pernas en 1927. Médico de profesión, abriu consulta na Coruña e traballou tamén na Casa de Socorro. Logo de repetirse as eleccións municipais o 24 de maio de 1931, o 5 de xuño constitúese o novo Concello e Manuel Lastres foi elixido alcalde.
Foi cesado polo pleno municipal o 18 de febreiro de 1932 por considerar que desatendía as súas funcións ata o extremo de "impedir a boa marcha da administración", segundo se recolle na acta desa sesión. Nese mesmo pleno foi elixido Electo Carballo como alcalde. Permaneceu como concelleiro ata a súa dimisión en novembro de 1934.
Ingresou no Partido Galeguista en 1932. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 incorporouse á Cruz Vermella na zona de Catro Camiños e estivo curando aos feridos que entraban xunto a outros médicos, ata que chegaron os soldados. Despois foi mobilizado como médico militar. Marchou a Madrid para preparar oposicións a Médicos de Asistencia Pública Domiciliaria, aprobou en 1940 e obtivo praza nunha vila da provincia das Palmas. En 1945 obtivo praza en Jimena de la Frontera e en 1959 pasou a Marbella. En 1973 xubilouse e marchou vivir a Málaga.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Manuel Lastres Abente, o primeiro alcalde de Culleredo na II República
Categoría:Alcaldes de Culleredo Categoría:Alcaldes de Galicia durante a II República Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1903 Categoría:Finados en 1984 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes