miniatura|Estrutura molecular da 2',3-didesoxiadenosina trifosfato (ddATP).

Os didesoxinucleótidos son uns nucleótidos especiais que funcionan como inhibidores da elongación da cadea de ADN para a ADN polimerase, que se utilizan no método de Sanger para a secuenciación do ADN. Tamén se coñecen como 2',3' didesoxinucleótidos, e abrévianse como ddNTPs (ddGTP, ddATP, ddTTP e ddCTP).

Como o seu nome indica, están desoxixenados (sen grupo hidroxilo) en dous carbonos do azucre do nucleótido, o 2' e o 3'. A desoxixenación en 2' é a normal nos desoxinucleótidos do ADN, pero estas moléculas caracterízanse porque carecen ademais de grupo 3'-hidroxilo. A ausencia deste hidroxilo nestas moléculas significa que, despois de que son engadidos por unha ADN polimerase a unha cadea nucleotídica en crecemento, xa non poden ser engadidos máis nucleótidos esa cadea, xa que non se pode formar o enlace fosfodiéster debido a que os desoxirribonucleótidos trifosfato (que son o material de construción que constrúe o ADN) sintetizan a cadea de ADN por medio dunha reacción de condensación entre o 5'-fosfato (despois da separación dun pirofosfato) do nucleótido entrante co grupo 3'-hidroxilo do nucleótido previo. Os desoxirribonucleótidos non teñen o grupo 3'-hidroxilo e non se pode producir esta reacción nin alongar máis a cadea, o que leva á terminación da secuencia de ADN. Así, estas moléculas son a base do método de terminación da cadea didesoxi de secuenciación do ADN, que foi desenvolvido por Frederick Sanger en 1977.Sanger, F., Nicklen, S., and Coulson, A. R. DNA sequencing with chain-terminating inhibitors. Proc Natl Acad Sci, 74(12):5463-7, 1977.

Os didesoxinucleótidos son útiles na secuenciación do ADN en combinación con electroforese. Unha mostra de ADN á que se lle aplique a PCR (reacción en cadea da polimerase) nunha mestura que conteña os catro desoxinucleótidos normais e un didesoxinucleótido producirá febras de ADN de lonxitude igual á posición de cada base do tipo que complementa o tipo do desoxinucleótido presente. Así, se despois se fai unha electroforese da mostra, haberá unha banda por cada lonxitude á que o complemento dun desoxinucleótido está presente. Agora é común utilizar didesoxinucleótidos fluorescentes de modo que cada un dos catro teña unha fluorescencia diferente que se poida detectar nun secuenciador; así só é necesario facer unha reacción.

Notas

Categoría:Nucleótidos Categoría:Desoxiazucres