O castelo de Ampudia é unha fortaleza do século XV situada na localidade de Ampudia (provincia de Palencia). É de titularidade privada.
Historia Foi construído entre 1461 e 1488 por Don García López de Ayala, señor de Ayala e Salvatierra e fillo de Don Pedro García de Herrera, primeiro titular do Condado de Ampudia. O sucesor de Don García, Don Pedro Ayala y Bermejos, Conde de Salvatierra, enfrontouse coa súa propia nai, Dona María Sarmiento, pola posesión do castelo, resultando el o vencedor. En 1521 o Conde abrazou a causa comuneira, dando lugar ao feito de armas coñecido como a Batalla de Ampudia entre os partidarios do emperador Carlos I de España e as tropas lideradas polo bispo Antonio de Acuña. En 1522, trala derrota comuneira, o emperador confiscou o castelo, pero pouco despois o devolveu á familia, aínda que a cambio de 20.000 ducados. En 1528 o castelo aloxou os fillos do monarca francés Francisco I, trala Batalla de Pavia, en calidade de reféns.
En 1597 asumiu a titularidade do señorío Francisco Gómez de Sandoval y Bermejos, Duque de Lerma e favorito do rei Filipe III, ao que atraeu en distintas ocasións á vila, converténdose o castelo en sede ocasional da Corte española. A partir de entón o castelo entrará nun longo período de abandono, o cal non impidiu á súa declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1931. En 1960 o empresario galleteiro Eugenio Fontaneda, natural de Aguilar de Campoo, adquiriuno para a súa penúltima muller, a Condesa de la Granja, e acondicionouno como museo para a súa colección de obxectos de arte e antigüidades procedentes da conca do río Douro.
Descrición Exemplo temperán de castelo-pazo señorial castelán, é unha xoia da arquitectura civil da rexión e presenta un magnífico estado despois da coidadosa restauración acometida nos anos sesenta por Eugenio Fontaneda. A edificación ten planta trapezoidal, posúe torres grandes nos ángulos, correspondendo o do sueste á torre da Homenaxe, e foso salvado mediante ponte levadiza. Está rodeado por un muro de barbacá con torres cilíndricas. A fachada está decorada con dous escaraguaitas ou garitas ornamentais e na porta principal colga o escudo do Duque de Lerma. O Patio de Armas ten tres pandas porticadas de tres pisos con arco escarzano, sendo o piso superior de proporcións máis pequenas.
Colección Eugenio Fontaneda O interior acubilla a Colección Eugenio Fontaneda, distribuída en seis salas: Arqueoloxía (destacando unha colección de útiles de guerra da Idade de Bronce e outra de ronseis funerarios e miliarios da época romana); Arte Sacra (incluíndo talles dos séculos XIII a XV, mobiliario litúrxico e pinturas dos séculos XV a XVIII); Xoguetes; Armas e Aparatos Musicais; Farmacia; e Etnografía e Artes Populares. Abeirados nos flancos porticados do patio móstranse escudos nobiliarios, elementos arquitectónicos, pilas bautismais etc.
Véxase tamén Ligazóns externas Colección Eugenio Fontaneda, Castelo de Ampudia Web non oficial Concello de Ampudia Castelo de Ampudia Aparecido no Libro Castilla, este canto es tu canto (ISBN 978-84-15537-54-0) de Juan Pablo Mañueco Martínez
Ampudia Categoría:Provincia de Palencia