Mafalda de Portugal nada o 11 de xaneiro de 1197 e finada o 1 de maio de 1256, foi unha infanta de Portugal e raíña consorte de Castela.
Traxectoria Filla de Sancho I de Portugal o Poblador e da súa muller, Doce de Barcelona. En 1215 contraeu matrimonio con Henrique I de Castela pero a mocidade de ambos fixo que o matrimonio non se chegase a consumar. Ao ano seguinte, o matrimonio foi declarado nulo polo Papa Inocencio III por parentesco en grao prohibido.
Á morte do seu pai, Mafalda, segundo as disposicións do testamento, tiña que recibir o castelo de Seia e a porción restante do termo municipal así como todas as rendas que aí se producían. Ademais, concedíaselle o dereito a utilizar o título de raíña.
Isto xerou un conflito co seu irmán Afonso II de Portugal que, desexando un poder centralizado, obstaculizou que a súa irmá puidese recibir os títulos e dereitos que lle correspondían. Afonso temía que algo parecido puidese suceder cos seus outras dúas irmás, Tareixa e Sancha, e cos eventuais herdeiros destas, creando un problema de soberanía que podía chegar a dividir o país.
Unha boa parte dos nobres portugueses puxéronse de parte de Mafalda e as súas irmás, pero terminaron derrotados. Á morte de Afonso II, o seu fillo Sancho II concedeu ás súas tías algunhas terras e castelos, pero fíxolles renunciar ao título de princesa-raíña. A paz definitiva chegou en 1223.
Vida relixiosa Finalmente, tanto Mafalda como as súas irmás fixéronse monxas cistercienses. Mafalda fundou a Abadía de Arouca. O 1 de maio de 1256 faleceu no mosteiro de río Tinto. Ao querer trasladar o seu corpo ata Arouca atopárono incorrupto, o que xerou unha forte devoción cara á infanta portuguesa.
O 27 de xuño de 1793 foi beatificada polo Papa Pío VI, acompañando así ás súas irmás Tareixa e Sancha, declaradas beatas desde principios do século XVIII. A súa festividade celébrase o 2 de maio.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1197 Categoría:Finados en 1256 Categoría:Raíñas consortes de Castela Categoría:Beatos do catolicismo