Celso Borges Mora, nado en San Xosé o 27 de maio de 1988, é un futbolista costarriqueño. Xoga de mediocentro e é o actual capitán do Alajuelense da Primeira División de Costa Rica. É internacional coa selección de Costa Rica.

Fillo do exfutbolista e adestrador brasileiro Alexandre Guimarães, destacou ao igual que el, no Deportivo Saprissa, co que gañou cinco campionatos da Primeira División de Costa Rica entre 2006 e 2009, antes de dar o salto ao fútbol europeo. Xogou tres tempadas no Fredrikstad noruegués e outras tres no AIK sueco, e no 2015 chegou ao Deportivo da Coruña. Xogou 107 partidos co club galego na Primeira División, marcando 15 goles, e tralo descenso do equipo en 2018 foi traspasado ao Göztepe da Superliga turca. En 2020 regresou ao Deportivo da Coruña, co que xogou na Segunda División B antes de regresar a Costa Rica para xogar no Alajuelense, club co que disputou máis de 200 partidos, gañando unha liga, dúas Copas de Costa Rica, dúas Recopas de Costa Rica e dúas Copas Centroamericanas.

Histórico integrante da selección de Costa Rica, é o futbolista que máis veces vestiu a súa camiseta, en 164 ocasións. Participou coa selección en tres Copas do Mundo, sete Copas de Ouro da CONCACAF, unha Copa América e tres Copas Centroamericanas, proclamándose campión desta última en dúas ocasións, en 2013 e 2014, e anotando un total de 27 goles.

Traxectoria

Saprissa Naceu en San Xosé, capital de Costa Rica, o 27 de maio de 1988, sendo un dos dous fillos do futbolista brasileiro Alexandre Guimarães e de Lina Mora. Seu irmán é o cineasta Mauro Borges.

Formouse como futbolista na canteira do Deportivo Saprissa, equipo no que destacara anos antes seu pai. O 15 de xaneiro de 2006, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Primeira División, no inicio do Torneo de Clausura contra Ramonense. Catro meses despois conseguiu o seu primeiro título da Primeira División, ao proclamarse o Deportivo Saprissa campión do Torneo de Clausura despois de vencer na final ao Alajuelense.

Na seguinte campaña conquistou tanto o Torneo de Apertura como o Clausura, e foi titular en dous dos catro partidos das finais, disputadas de novo contra Alajuelense. No 2007 conquistou o terceiro título consecutivo e marcou un dos goles do seu equipo na final contra Herediano. A continuación gañou dous títulos máis, facendo un total de cinco consecutivos, sendo elixido no último deles mellor xogador do torneo.

Durante eses anos disputou co Saprissa tamén a Copa Interclubes da Uncaf, obtendo o subcampionato en 2007. Isto deulle acceso ao ano seguinte á Liga de Campións da CONCACAF, onde chegou ata a final, que perdeu contra o Pachuca mexicano.

Fredrikstad En 2009 deixou Costa Rica para fichar polo Fredrikstad FK, da Tippeligaen, a primeira división noruega. Debutou o 20 de abril contra o Viking Stavanger. O 7 de maio marcou de cabeza o seu primeiro gol, contra o Tromsø e en maio debutou en competición europea, ao disputar a terceira rolda previa da Europa League contra o Lech Poznań polaco. Marcou 7 goles en 23 partidos de liga, pero o seu equipo acabou descendendo ao remate da temapda, ao perder a fase de permanencia contra o Sarpsborg.

A pesar do descenso continuou no club de Fredrikstad e na seguinte temporada anotou 14 goles na liga regular, sendo o máximo goleador do equipo e só superado no campionato por Marius Helle, Andreas Moen e Sindre Marøy. O equipo rematou terceiro, en postos de promoción de ascenso. Nesta, o equipo enfrontouse na primeira rolda ao Løv-Ham, ao que derrotou por 2-0 cun dos goles anotado por Borges. Na final, disputada a ida e volta contra o Hønefoss, Borges marcou un dos catro goles do seu equipo na ida (1-4), mentres que na volta conseguiu o primeiro triplete da súa carreira, poñendo o 4-0 no marcador e logrando o ascenso á máxima categoría.

De volta na Tippeligaen marcou oito goles na tempada 2011, incluído o segundo triplete da súa vida, nun partido contra o SK Brann.

AIK O 1 de xaneiro de 2012 anunciouse a súa fichaxe polo AIK sueco. Debutou na Allsvenskan o 1 de abril contra o Mjällby e no seguinte partido logrou o seu primeiro gol, contra o Kalmar FF. Marcou 8 goles en 29 partidos de liga e xogou todos os encontros do seu equipo na Europa League.

Nas tempadas 2013 e 2014 anotou 8 e 6 goles respectivamente.

Deportivo da Coruña (1ª etapa) O 14 de xaneiro de 2015 fichou polo Deportivo da Coruña, cedido até o final da tempada polo equipo sueco, con opción a dous anos máis. Debutou co equipo galego na xornada 21 da Primeira División, contra o Rayo Vallecano no Estadio de Vallecas, marcando dous goles cos que o Deportivo derrotou ao equipo madrileño (1-2). Foi titular indiscutible para Víctor Fernández ata o remate da tempada, e fixo un gol máis contra o Villarreal.

O 6 de abril de 2016 o club anunciou a súa renovación por tres tempadas, con opción a unha máis. En novembro fracturou unha deda, quedando fóra dos terreos de xogo durante máis de dous meses. Reapareceu en febreiro e foi titular ata o final da tempada, que acabou con tres goles. Disputou 70 partidos nas dúas seguintes tempadas, a gran maioría como titular, e marcou nove goles. Ao remate da campaña 2017/18 o equipo descendeu a Segunda, e Borges foi traspasado por máis dun millón de euros ao Göztepe, da cidade turca de Esmirna.

Göztepe Debutou na liga turca o 19 de agosto contra o Galatasaray e marcou o seu primeiro gol en febreiro, contra o Alanyaspor. Marcou o seu segundo gol na Superliga na tempada seguinte, dándolle a vitoria por 2-1 ao seu equipo sobre o Beşiktaş. Nos seus últimos meses co Göztepe actuou como defensa central. En agosto de 2020 rompeu o seu contrato co club turco.

Deportivo da Coruña (2ª etapa) O 6 de setembro de 2020 volveu ó Deportivo da Coruña asinando un contrato por unha tempada. Foi titular en case todos os partidos da tempada, tanto con Fernando Vázquez no banco, como co seu substituto, Rubén de la Barrera, e marcou dous goles. O equipo non conseguiu meterse na loita polo ascenso a Segunda, quedando clasificado para a nova Primeira División RFEF. Ao remate da tempada foi incluído nun ERE xunto a outros traballadores do club e quedou sen ficha para a seguinte tempada. Finalmente o 21 de setembro anunciouse o seu despedimento. Pechou o seu paso polo club galego cun total de 133 partidos oficiais e 17 goles.

Alajuelense O mesmo día da súa saída do Deportivo anunciouse a súa fichaxe polo LD Alajuelense, regresando así ao fútbol costarriqueño 12 anos despois. Debutou co seu novo equipo o 29 de setembro de 2021, no partido de volta dos oitavos de final da Liga CONCACAF, contra o Guastatoya guatemalteco no estadio Alejandro Morera Soto. O empate final a dous goles deixou ao equipo costarriqueño eliminado da segunda máxima competición da CONCACAF. Coa Liga Alajuelense, Borges disputou a Gran Final do Torneo Clausura de 2022, caendo ante o Cartaginés, e repetiu na Gran Final do Clausura de 2023, marcando un gol pero perdendo a eliminatoria diante do Deportivo Saprissa.

O 18 de novembro de 2023 conquistou o seu primeiro título co Alajuelense, a Copa de Costa Rica, capitaneando o equipo na final do Estado Nacional ante o Saprissa e vencendo por 2-0. Uns días despois proclamouse campión tamén da Copa Centroamericana de CONCACAF, ao superar na final ao Real Esteli de Nicaragua.

En xullo de 2024, con seu pai como adestrador e dous meses despois de perder outra final de liga, capitaneou o Alajualense na segunda edición da Recopa de Costa Rica, gañando o título ante o Deportivo Saprissa. En decembro revalidou co seu equipo o título da Copa Centroamericana, derrotando na final por segundo ano consecutivo ao Real Estelí. Marcou de penalti o único gol costarriqueño no partido de ida da final (1-1) e dos seus pés saíu a xogada que deu inicio ao definitivo segundo gol no encontro de volta (2-1). Ese mesmo mes sumou un novo subcampionato de liga, ao perder na Gran Final contra o Herediano.

En marzo de 2025 gañou a súa segunda Copa de Costa Rica consecutiva, ao derrotar na final ao Puntarenas. Dous meses despois, xa con Óscar Ramírez como técnico trala destitución de seu pai, capitaneou o equipo nunha nova final do campionato costarriqueño ante Herediano. O partido de ida rematou sen goles, mentres que na volta no Carlos Alvarado sufriu unha lesión muscular ao pouco de comezar, tendo que retirarse do encontro, que se decidiu a favor de Herediano cun solitario gol de Getsel Montes na segunda metade. Foi a quinta final do campionato perdida por Borges dende a súa chegada ao Alajuelense.

En xullo de 2025 gañou a súa segunda Recopa consecutiva, capitaneando o equipo na final contra o Herediano no estadio José Rafael Fello Meza Ivankovich de Cartago (1-0). En decembro ergueu a súa terceira Copa Centroamericana consecutiva, superando na final ao Xelajú guatemalteco, despois de empatar a un gol tanto no Alejandro Morera Soto como no Estadio Cementos Progreso da Cidade de Guatemala e de vencer na quenda de penaltis. Ese mesmo mes, o Alajuelense gañou o título de liga ao derrotar na final ao Deportivo Saprissa por un resultado global de 5-3. Borges tivo un papel clave no rendemento do equipo ao longo da tempada, sendo esta súa primeira liga conquistada co equipo negro e vermello despois de cinco finais perdidas.

A pesar do seu triunfante 2025, o equipo de Borges só puido ser quinto no Clausura 2026, quedando fóra dos play-offs polo título por primeira vez en sete anos. En xullo de 2026 perdeu tamén a final da Supercopa, fronte ao Herediano.

Selección de Costa Rica

Categorías inferiores Foi internacional con varias das categorías inferiores da selección de Costa Rica. Coa selección sub-17 disputou en 2005 o Torneo sub-17 da Concacaf, así como o Mundial sub-17 no Perú, chegando neste último aos cuartos de final.. No 2007 pariticipou coa selección sub-20 no Torneo sub-20 da Concacaf en Panamá e México e logrou a clasificación para o Mundial sub-20 disputado no Canadá, no que Costa Rica caeu na primeira fase.

Ao ano seguinte xogou coa selección sub-23 o torneo pre-olímpico da Concacaf, buscando unha praza para Pequín 2008, pero caeron eliminados contra a selección panameña, adestrada por seu pai, Alexandre Guimarães.

Selección absoluta Debutou coa selección absoluta o 21 de xuño de 2008, cando era xogador do Deportivo Saprissa, nun partido contra Granada, correspondente á clasificación para o Mundial de 2010. O adestrador Hernán Medford colocouno aquel día na aliñación titular. Converteuse nun habitual da selección xa con Rodrigo Kenton no banco, e marcou os seus primeiros goles en dous partidos contra Suriname. En xuño de 2009 marcou por primeira vez dous goles, nun partido contra Trinidad e Tobago. Ao mes seguinte disputou a súa primeira Copa Ouro da CONCACAF, xogando cinco encontros e marcando dous goles, un deles de chilena contra Guadalupe. O equipo caeu nas semifinais contra México, nunha quenda de penaltis na que Borges anotou o seu lanzamento.

En 2011 disputou a Copa Centroamericana e a Copa de Ouro, e repetiu en ambas competicións no 2013. Na Copa Centroamericana 2013 marcou un gol e contribuíu a que o seu equipo, adestrado por Jorge Luis Pinto, chegase ata a final. Nesta, disputada no Estadio Nacional contra Honduras, deulle a asistencia a Giancarlo González no único gol do partido, logrando así o título a súa selección.

Despois de conseguir a clasificación para o Mundial de 2014, foi un dos 23 xogadores elixidos por Pinto para viaxar coa selección ao Brasil. Foi titular nos cinco partidos do combinado costarriqueño no Mundial, no que acadaron os cuartos de final despois de quedar primeiros de grupo na primeira fase (por diante de Uruguai, Italia e Inglaterra) e de eliminar a Grecia nos oitavos de final, nunha quenda de penaltis na que Borges marcou o primeiro dos lanzamentos contra o gardameta Orestis Karnezis. Foron eliminados na seguinte rolda polos Países Baixos, de novo nunha quenda de penaltis que iniciou con gol Borges.