Johann Christian Daniel von Schreber, nado en Weissensee, Turinxia (Alemaña) o 17 de xaneiro de 1739 e finado en Erlangen, Baviera (Alemaña) o 10 de decembro de 1810, foi un médico, botánico e zoólogo alemán, discípulo de Carlos Linneo.

Traxectoria Schreber estudou medicina, teoloxía e historia natural nas Universidades de Halle e Uppsala.

En 1760, tras obter o seu doutoramento, iniciou o exercicio da medicina en Bützow. Ao ano seguinte comezou a impartir clases na Universidade desa cidade.

A partir de 1770 ensinou medicina e botánica en Erlangen. En 1773 foille confiada a dirección do xardín botánico da cidade e, en 1776, foi nomeado catedrático de Historia Natural.

En 1774 Schreber comezou a redacción dun tratado titulado Die Säugethiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibunge (Descrición e ilustración da natureza dos mamíferos), no que acometeu a descrición de todas as especies coñecidas de mamíferos. Moitas delas foron alí descritas cientificamente por primeira vez, e clasificadas de acordo ao sistema binomial desenvolvido polo seu mestre Linneo. As ilustracións, porén, carecían do rigor doutras obras da época.

En 1787 foi nomeado membro da prestixiosa Real Academia das Ciencias de Suecia.

Tras a súa morte, a súa rica colección botánica foi adquirida polo rei Maximiliano Xosé I de Baviera, e serviu de base para a colección estatal de Botánica de Múnic.

Principais obras Theses medicae, 1761. Beschreibung der Gräser, pùblicada entre xaneiro de 1769 e marzo de 1810. Lithographia Halensis, 1758. Schreberi Novae Species Insectorvm, 1759. Die Säugetiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen, xaneiro de 1774 a abril de 1804.

Epónimos Varias especies recordan a Schreber no seu nome latino, entre elas: Arum schreberi Muhlenbergia schreberi Potamogeton schreberi Rumex schreberi

Abreviaturas

A abreviatura Schreb. emprégase para indicar a Johann Christian Daniel von Schreber como autoridade na descrición e taxonomía en botánica. A abreviatura Schreber emprégase para indicar a Johann Christian Daniel von Schreber como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.

Galería Láminas de Die Säugethiere in Abbildungen nach der Natur mit Beschreibungen (1774-1804).

Véxase tamén

Ligazóns externas Schreber, Johann Christian Daniel von (1739-1810) en Internartional Plntes Names Index Schreber, Johann Christian Daniel 1739-1810 en WorldCat Identities Johann Christian Daniel Schreber (1739-1810) en BnF Versión en liña Schreberi Novae Species Insectorvm, en Göttinger Digitalisierungszentrum (GDZ) Bibliografía de e sobre J. C. D. Schreber, en Karlsruher Virtuellen Katalog Abbildungen aus Die Säugetiere

Categoría:Científicos de Alemaña Categoría:Botánicos de Alemaña Categoría:Zoólogos de Alemaña Categoría:Escritores en lingua alemá Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores en lingua latina Categoría:Nados en 1739 Categoría:Nados en Weißensee Categoría:Finados en 1810 Categoría:Membros da Royal Society