Seaxe (na zona pronunciado como Xiaxe) é un lugar da parroquia de Sorribas no concello coruñés de Rois, na comarca do Sar. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 115 habitantes (50 homes e 65 mulleres), o que supón unha diminución con respecto a 2013, cando tiña 133 habitantes.
Antigamente, arredor do ano 1940, a aldea posuía 36 casas. Agora, 12 desas casas están pechadas ou abandonadas.
A aldea tradicionalmente estaba dividida en dous rueiros, O Rueiro de Arriba e O Rueiro de Abaixo. O Rueiro de Arriba estaba menos habitado, constaba de arredor de 10 casas, O Rueiro de Abaixo posuía preto de 26 vivendas.
Historia Hai 100 anos, nas eiras, os mozos e mozas ían tocar a pandeireta e tamén se facía a xunta. Anos máis tarde, esa mesma eira usábase para mallar o millo e o centeo. Cada ano, viña unha máquina para moer e os veciños levaban todas as súas colleitas. Agora esa eira é un pequeno taller de pedra. A aldea tiña unha máquina de moer o centeo; eran varios socios os posuidores.
Hai moitos anos había unha taberna “A de Mirazo”. Tamén había unha panadería e unha barbería. Á panadería viña un panadeiro de Oín facer o pan unha vez á semana. O barbeiro viña os sábados para que os homes cortasen o pelo. Xa non queda resto de ningún destes lugares. En todas as casas había un forno para facer o pan cada semana.
Durante un tempo tamén houbo uns pozos para mallar o liño e despois facer as sabas. Estaban situados nunhas toxeiras nas que había auga. En Seaxe podemos arredor de dez, cavados polos veciños ata que chegaban á auga e a sacaban cunha roldana. Un destes pozos, localizado no medio da aldea, é o pozo da Rufa. Conta a lenda que antigamente, cando facían o camiño de Santiago, deixaban alí os camelos para que bebesen. A día de hoxe o pozo está tapado por unha morea de cemento e non se pode ver a simple vista.
Entrando polo lado de arriba (O Rueiro de Arriba), había unha Santa “Nosa Señora das Angustias”, que a roubaron hai anos e non volveu a aparecer.
Esta aldea tamén contaba con varios muíños: O do Piñeiro, A Rapadiña e do Pontello. Actualmente só está en funcionamento o do Piñeiro; os outros dous cubríronos as silvas ao non darlles uso. Durante algún tempo, a xente pobre roubaba a fariña que facían os muíños e tiñan que facer garda polas noites. Sucedía o mesmo cos hórreos.
Anos atrás había 3 fontes; a día de hoxe só queda unha. A Fonte da Viña tapárona e a Fonte do Nal levárona os veciños da Meana, é dicir, algunhas persoas conectaron a fonte coa súa aldea, xa que na Meana non tiñan e esta botaba unha auga moi boa.
Na zona de Seaxe había un cruceiro, no camiño sacramental da Meana, por onde os defuntos paseaban. A parte de arriba do cruceiro tamén a roubaron, agora só quedan as escaleiras. No medio da aldea tamén atopamos outro cruceiro, do camiño sacramental de Seaxe.
No inverno, os veciños facían as reunións da aldea nos cubertos e as mulleres ían lavar a roupa á pía, pero no verán íana lavar ao río porque na pía non había auga. O Souto é o centro da aldea. Colocaron unha pedra grande e os homes o domingo ían xogar ás cartas, porque non tiñan cartos para ir á taberna.
Había unha eira moi grande que lle chamaban “A Praza de Castelao” e os rapaces ían xogar alí. Pouco a pouco os veciños foron collendo un pedazo de eira para facer desaparecer a praza. Antigamente, os veciños levaban nun “Andi” aos defuntos pola aldea.
Os canteiros facían cestos de cores artesáns. A técnica era moi peculiar, consistía en cortar un anaco de carballo que se quentaba no lume e se fendía. A muller do canteiro ía vendelos a Vilagarcía. Levaba os cestos na cabeza ata a Escravitude e despois ía e volvía no tren.
Polo medio da aldea, cando eran as festas parroquiais, a banda de música comezaba no Souto e terminaba coa alborada.
Había moita xente pobre que lle ía traballar aos ricos da mesma aldea para poder conseguir un pedazo de pan.
Lendas e tradicións
Cando casaban dous vellos, facían unha regueifa meténdose con eles e bailaban cun molete de pan na cabeza para despois repartilo entre os convidados.
Cando era época de seca, levaban o San Roque ao río para que chovese, ata que veu un home de fóra e lle deu un fungueirazo e o rompeu. As mulleres para ir á misa levaban un mantón cuberto e para os días festivos tiñan uns refaixos novos.
A lenda do paxariño deu moito de que falar naqueles tempos. Sobre os anos 40, na Pascua había a sorte do paxariño e custaba 1 peseta. Consistía en botar a peseta, o paxaro ía coller un papel co bico e abríao.
Hai 200 anos a unha muller, na sorte do paxariño saíulle que ía morrer afogada, ela riuse e dixo que afogada non morría. Un día foi facer unha visita a uns familiares, para volver, choveu tanto que non era capaz de pasar o regato entón tirou o pano a unha árbore para poder agarrarse e saltar e caeu no regato. Apareceu morta no río de Carrais.
Lugares e parroquias
Lugares de Sorribas
Parroquias de Rois
Galería de imaxes
Categoría:Lugares de Rois