O Real Club Coruña foi un club de fútbol galego da cidade da Coruña, activo entre 1901 e 1919. Foi o primeiro club de fútbol da Coruña e tralo nacemento do Deportivo da Coruña mantivo unha feroz rivalidade con este pola hexemonía do fútbol na cidade.
Foi o segundo club futbolístico de España en conseguir o título de "Real", despois de que Afonso XIII aceptase a presidencia de honra en 1908, e chegou a ser o club de fútbol con máis socios de España, por diante do FC Barcelona. Nos seus inicios xogaba na praza de touros herculina e no Corralón da Gaiteira, ata que en 1909 estreou o seu propio recinto, o campo de Monelos, situado por aquel entón no veciño concello de Oza, que foi anexionado ó da Coruña en 1912.
Historia
Orixes do fútbol na Coruña (1894-1901) O primeiro partido de fútbol celebrado na Coruña do que se ten constancia tivo lugar o 28 de febreiro de 1894 no Corralón da Gaiteira, onde se enfrontaron membros do British Lawn Tennis Club con membros do Sporting Club coruñés. Entre as filas do Sporting atopábase o coruñés de ascendencia británica Juan Long, que sería o primeiro gran deportistas da cidade, proclamándose en 1897 campión galego de ciclismo e que exercería anos máis tarde como primeiro capitán do Deportivo da Coruña. Sábese que ese mesmo mes disputáronse dous partidos máis, pero nos seguintes anos a prensa deixou de prestar atención á práctica deste deporte, polo que apenas existe información ao respecto.
Fundación e primeiros pasos (1901-1904) miniatura|Copa Coruña-Deportivo, trofeo amigábel disputado en 1913 entre o R.C. Deportivo e o R.C. Coruña.
En 1901 o estudante vilagarcián José María Abalo fundou o primeiro club de fútbol da cidade coruñesa, o The Corunna Foot Ball Club, xunto a varios amigos, algúns deles compañeiros seus na Escola Superior de Comercio e asiduos como el da Cova Céltica. O novo club disputou o primeiro partido da súa historia o 19 de febreiro de 1902 na praza de touros da cidade, na que xogou durante os seus inicios. Con todo, segundo o comerciante, árbitro e crítico deportivo Manuel Monteagudo, contemporáneo e testemuña dos primeiros pasos do club, aquel foi só un encontro de proba, sendo o primeiro partido formal o que se xogou unha semana despois e no que participaron 23 xogadores.
Primeiro rival (1904) O club continuou xogando partidos entre membros do propio equipo durante os seguintes dous anos, ata que encontrou un rival en marzo de 1904. No mes anterior e preto do Cabo Vilán, un forte temporal causara danos no Diligent, un buque a vapor inglés, salvándose os seus tripulantes grazas aos botes salvavidas que conduciron ata a praia do Trece, en Camariñas. A continuación o remolcador alemán Newa evitou o naufraxio do buque inglés e levouno ata augas da Coruña, onde unha imprudencia ocasionou un novo incidente, afundíndose o vapor entre o Parrote e o Peirao de Ferro.
Mentres os tripulantes do barco inglés esperaban unha solución, organizouse un partido de fútbol entre os mariños e os membros do Corunna, fixándose o encontro para o domingo 6 de marzo na praza de touros, aínda que finalmente a choiva obrigou a adialo ata o domingo 13. O once local estaba formado por Salvador Fojón na portería, Gabriel Nieto e Fernando Martínez Morás na defensa, Mariano Paz, José Vázquez e Enrique Blas Pita no medio do campo e Enrique Gerbolés, Arturo Senra, José María Abalo, Uxío Carré Alvarellos e Juan Sáenz na dianteira. Arbitrou o partido Manuel Monteagudo, coa axuda de Ángel del Castillo e Leandro Carré Alvarellos. Abalo foi o autor do primeiro gol, a continuación empatou Hein e Sáenz adiantou de novo ao equipo coruñés, antes de que dous goles de Chater lle desen a vitoria ao conxunto inglés por 2-3. Ambos equipos volveron enfrontarse unha semana despois, con vitoria inglesa por 2-5, e xogaron un terceiro partido ese mesmo mes, conseguindo finalmente a vitoria o bando galego por 2-1.
Máis partidos e constitución oficial (1905-1906) En 1905 o club celebrou 12 partidos entre os seus membros, xogando habitualmente un equipo azul contra outro vermello. Neses encontros consta a presenza como xogador e goleador de Virgilio, futura primeira estrela do fútbol coruñés. En 1905 fundouse o segundo club de fútbol da cidade, o Club Deportivo María Pita, vencellado tamén á Escola Superior de Comercio.
O 1 de outubro de 1906, constitúese oficialmente o club, co nome de Club Coruña Sociedad Deportiva e con sede no número 14 da rúa da Amargura. Nos seus estatutos detallábase que contaba con dúas seccións, a de fútbol e a de ciclismo.
Inicio da rivalidade co Deportivo (1906-1908) A finais de 1906, o Coruña interveu nun feito destacado da historia deportiva da cidade. Moitos dos integrantes do Coruña frecuentaban a Sala de Armas Calvet, o principal centro deportivo da cidade, no cal se ofrecía un variado número de disciplinas deportivas baixo a dirección de Federico Fernández-Amor Calvet. Segundo corroboran varias fontes, un grupo de alumnos que practicaban outras disciplinas deportivas desafiaron aos futbolistas do Coruña a dous partidos de fútbol que se xogaron o 8 e o 9 de decembro de 1906 no Corralón da Gaiteira.
O resultado do primeiro encontro foi sorprendentemente favorábel para os atletas, que se impuxeron cun 2-1, con dous goles de Virgilio (agora nas filas do Deportivo) e Manuel Álvarez, mentres que o segundo partido rematou sen goles. O afervoamento desatado pola vitoria da Sala Calvet fixo que os alumnos fosen máis alén e fundasen o seu propio club, o Club Deportivo da Sala Calvet, que logo mudaría o seu nome polo de Real Club Deportivo da Coruña, e que mantería unha gran rivalidade co Coruña durante os seus primeiros anos de vida.
En agosto de 1907, con motivo das festas de María Pita, organizouse na cidade un torneo de fútbol no que se puxo en xogo unha copa doada polas deputacións galegas, así como medallas de ouro e prata para o primeiro e segundo clasificados. Con todo, as normas do torneo, denominado Campionato de Galicia e Asturias (para se diferenciar do Campionato de Galicia que organizaba o Vigo FC), indicaban que só podía participar unha sociedade por cada pobo, polo que se tivo que disputar previamente unha eliminatoria entre os dous clubs coruñeses inscritos, o Coruña e o Deportivo da Sala Calvet.
No primeiro partido da serie eliminatoria, disputado o 21 de xullo de 1907 no Corralón da Gaiteira, o capitán Julio Sáenz adiantou ao equipo "coruñista", pero o Deportivo deulle a volta ao marcador cun gol de Virgilio e outro en propia meta do porteiro do Coruña, Rouco. Catro días despois no mesmo escenario disputouse o segundo encontro, ante uns 3.000 espectadores, saíndo vitorioso de novo o Deportivo por 5-1. A grande atención que xeraron estes encontros fixeron que nos seguintes meses se crearan numerosos clubs de fútbol na Coruña, entre eles o Comercio, o Hércules, o Sporting ou Los Luises.
En 1908 o María Pita organizou un torneo cuadrangular no que participou ese club xunto ao Coruña e dous equipos do Deportivo, sendo esta a primeira competición local de fútbol na historia da Coruña. En febreiro, o Coruña logrou a primeira vitoria da súa historia sobre o Deportivo, por 4-1, e finalmente acabou gañando o torneo. En xullo volveuse disputar a previa do Campionato de Galicia e Asturias, desta vez con cinco equipos da cidade: Coruña, Deportivo, María Pita, The Widovers e Alltheweek. O triunfo final volveu ser para o Deportivo, que goleou de novo ao Coruña por 5-1 ante unha gran concorrencia de público no Corralón.
En setembro de 1908 o María Pita volveu organizar un "concurso provincial de fútbol", que consistiu nun triangular entre o propio club, o Coruña e o Deportivo, poñéndose en xogo once medallas de prata. Tralas derrotas do anfitrión contra o Coruña (3-0) e o Deportivo (5-1), o torneo decidiuse nun novo man a man entre deportivistas e coruñistas. O partido decisivo disputouse o 27 de setembro, sendo a vitoria para o equipo da rúa da Galera por 3-1.
Título de Real e novo campo (1908-1910) O 18 de decembro de 1908, o club recibe do rei Alfonso XIII o título honorífico de "Real", pasando a denominarse Real Club Coruña, sendo o segundo club español con esta distinción, despois do Real Club Fortuna vigués. O 9 de maio de 1909, o Real Club Coruña inaugurou o seu novo terreo de xogo, o campo de Monelos, situado no veciño concello de Oza. O club convidado para a inauguración foi o Vigo FC, que goleou aos locais por 1-7, evidenciando a enorme superioridade que os clubs vigueses mantiñan sobre os coruñeses naquel entón.
A seguinte competición na que participou o club foi a Copa Gabino Bugallal, organizada polo Deportivo coa intención de funcionar como un campionato provincial. Inscribíronse cinco clubs, todos coruñeses: o Coruña, o Deportivo, o María Pita, o Galicia Foot-ball Club e o España. O Coruña goleou nos seus dous primeiros encontros (5-1 ao España e 5-0 ao Galicia), colocándose como líder xunto ao Deportivo, ao que se enfrontou o 4 de xullo. A vitoria foi para o equipo da Sala Calvet por 2-0, con goles de Virgilio e Manuel Álvarez, pero o torneo nunca chegou a finalizarse.
Coruña e Deportivo víronse as caras de novo só unha semana despois, contendendo por primeira vez no campo de Monelos, nunha eliminatoria da Copa Compostelá. O equipo local conseguiu a vitoria neste partido de ida por 2-0, pero caeu por 4-1 na volta, nun violento partido disputado no campo de Riazor. O encontro, no que Manuel Álvarez anotou un triplete, acabou cun expulsado por cada bando e coa rotura de clavícula de Ancos. Dous días despois debía disputarse un partido de desempate, pero o Coruña decidiu non presentarse e non volver a xogar contra o Deportivo ata que se calmasen os ánimos das afeccións rivais.
Tras renunciar a disputar a terceira edición do Campionato de Galicia e Asturias, o 9 de agosto o Coruña recibiu a visita do campión do torneo, o Fortuna de Vigo, xogando ambos un amigable no campo de Monelos a beneficio dos feridos da Guerra de Melilla. O conxunto vigués goleou ao coruñés por 1-7.
Unha cidade dividida en dúas (1910-1915) A comezos de 1910, o presidente do Real Club Coruña, Franco Caballero, propúxolle ao do Deportivo, José Longueira, a disputa dun triplo enfrontamento benéfico para selar as paces, e tras un rexeitamento inicial, a súa proposta foi aceptada. O acordo propiciou nove enfrontamentos entre ambos clubs en sete meses, multiplicando a rivalidade entre eles e convertendo o 1910 no ano da popularización do fútbol na Coruña.
Tras renunciar a participar na Copa do Rei de 1910, debido ao cisma entre os clubs españois e ás ameazas da Federación Galega que prometeu represalias a quen participase no torneo organizado polo Club Ciclista de San Sebastián, no que o Coruña estaba inicialmente inscrito, o 20 de marzo disputouse o primeiro derbi amigable entre os dous principais clubs da Coruña. Nun ateigado Campo de Monelos e con presenza das forzas de seguridade, o Coruña despregou un equipo no que destacaba a novidade de Quincho Yarza, futbolista vigués tres veces campión da Copa do Rei co Madrid FC. A pesar da boa actuación do equipo coruñista e do porteiro Guardado, o Coruña saíu derrotado, por mor dun solitario gol de Virgilio. No segundo partido, disputado en Riazor e co exdeportivista Alex H. White como reforzo coruñista, a vitoria foi para o Coruña con idéntico resultado (0-1), grazas a un gol de José Álvarez, pero o Deportivo saíu vitorioso no terceiro e definitivo encontro da serie, cun contundente 4-0 en Riazor.